EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Valdeorras e as Terras de Trives moi presentes na 24ª edición de Xantar inaugurada esta tarde en Expourense

Ata o domingo día 5 o Salón será o epicentro do turismo enogastronómico peninsular reunindo a un centenar de expositores, 59 adegas a maiores e con cinco países representados

 

O 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2023, dedica a xornada do venres 3 de novembro á comarca valdeorresa onde o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras presentará por primeira vez unha proposta conxunta de toda a comarca para “converterse en referentes nacionais en turismo enogastronómico”.

Así, no acto central previsto para as 12:30 horas estará a presidenta do GDR Valdeorras, Mª Carmen González, que presentará as novas liñas turísticas da comarca. Neste acto, tamén estará presente o Conselleiro de Mar da Xunta, Alfonso Villares Bermúdez, representantes da Deputación de Zamora, e o Concello de Sober.

 

O presidente do C.R.D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos.

 

Con todo, unha boa representación da comarca de Valdeorras e tamén do Concello de Trives que contan con cadanseu stand, asistía xa a inauguración desta edición do Salón celebrada na tarde deste xoves 2 de novembro presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda quen destacou “o valor dos produtos galegos á hora de consolidar á comunidade autónoma como destino enogastronómico de referencia”.

Na súa intervención Rueda, acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e do conselleiro do Medio Rural, José González, cualificou Xantar como un “exemplo de esforzo e un encontro emblemático para xuntarse”, reafirmando o compromiso do Goberno galego coa promoción dos produtos agroalimentarios e do mar, para o que se reservan partidas por importe de 17 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano; ademais, por suposto, doutras medidas de apoio aos produtores, ou da futura Lei de calidade alimentaria.

 

A presidenta do GDR de Valdeorras xunto aos presidente da Xunta e da Deputación de Ourense.

 

Rueda considerou que as “excelentes materias primas galegas, xunto cun sector hostaleiro profesional e innovador, son pezas fundamentais á hora de consolidar a Galicia como un destino enogastronómico de primeira. Tanto é así, que a cociña é o segundo motivo que citan os viaxeiros que nos visitan”, dixo.

O  acto, presentado polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, tamén contou coa presenza do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen afirmou que este Salón proxecta entre os visitantes “a imaxe de Ourense como destino turístico e gastronómico de calidade”.

 

Representante da Adega Cooperativa Xesús Nazareno do Barco.

 

No seu primeiro acto en Expourense como membro do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, en calidade de presidente da Deputación, Luis Menor destacou o papel que exerce este recinto “na promoción da provincia de Ourense” coa organización de eventos como Xantar, “a única feira con selo internacional de turismo gastronómico recoñecida polo Goberno de España”. Asegurando que esta feira, “emblema para a provincia de Ourense, vai máis aló das nosas fronteiras, deixando unha fonda pegada de Ourense e de Galicia nunha morea de países”.

Nesta nova edición de Xantar, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa cunha proposta gastronómica que se vertebra en torno á Vía da Prata, o principal itinerario xacobeo da provincia que atravesa máis dunha vintena de municipios. O restaurante da provincia de Ourense ofrece aos visitantes un menú que cumpre “cun dos eixos fundamentais deste mandato na Deputación: facer provincia”, salientou Menor, quen agradeceu a colaboración de Cuevas e Coren, “que nos acompañan un ano máis para ofrecer aos comensais produtos quilómetro cero e que son exemplo de sustentabilidade”.

 

Visita inaugural ao stand do Concello da Pobra de Trives. /Foto cedida.

 

Dende hoxe e ata o domingo día 5, Xantar converterá a Expourense, no epicentro do turismo enogastronómico peninsular reunindo a un centenar de expositores (entre os que se atopan o da Asociación GDR Valdeorras, o Concello de Trives e Sabores de Trevinca-Concello da Veiga), 59 adegas expositoras a maiores (entre elas a Cooperativa Xesús Nazareno do Barco) e con cinco países representados (España, Portugal, Colombia, Perú e Costa Rica).

Entre as novidades desta edición, na que se contemplan máis de 140 actividades, destaca a gran “Zona de Tapas” con comedor central no que os visitantes poderán escoller entre distintos tipos de comida.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella excepto as dúas últimas da galería que son cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button