EconomíaEconomíaÚltima hora

Verín acolle unha mesa de traballo sobre Turismo e Termalismo

 

Esta mañá tivo lugar na Sala de Exposicións do Concello de Verín unha mesa de traballo cuxo obxectivo foi analizar as necesidades e oportunidades de negocio vinculadas a este sector de turismo e termalismo nos concellos de Verín e Monterrei. Esta iniciativa está promovida no marco do Plan de sustentabilidade TCA “Ourense Termal” da Deputación Provincial de Ourense.

Nesta reunión estivo presente o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, xunto con representantes do sector empresarial, así como profesionais do sector turístico de Verín e Monterrei: axencias, hoteis, restaurantes, adegas, así como o asociativo e a Universidade.

O termalismo é un sector estratéxico para Verín e comarca, xa que é un dos concellos de Galicia que posúe o maior número de mananciais de augas mineromedicinais e plantas envasadoras. O obxectivo destos encontros é contar cunha ampla representación do sector turístico e empresarial vinculado co termalismo e turismo na zona, para coñecer distintos puntos de vista, intereses e carencias, e recadar toda a información posible que permita ter unha visión global das necesidades e oportunidades do territorio. Con estas reunións -programadas polo Inorde- preténdese definir conxuntamente o programa de mellora da competitividade deste Plan a nivel provincial.

O plan de Sustentabilidade turístico “Ourense Termal” conta -entre as súas accións- coa realización de enquisas de investigación, en concreto, unha actuación en Caldeliñas: a enquisa da captación de augas subterráneas en Caldeliñas (Verín). Outras actividades inclúen o deseño e posta en marcha dun plan de formación específico destinado a facilitar o desenvolvemento de proxectos e iniciativas empresariais que contribuirán ao reforzo, mellora e complemento da oferta en torno ao turismo termal da provincia, así como a participación no Sistema Integral de Calidade Turística (SICTED) da Secretaría de Estado de Turismo. Neste sentido, a oficina de Turismo de Verín acaba de recibir o distintivo de calidade a nivel nacional.

A Mesa de Calidade do Destino SICTED “Ourense Termal” foi a encargada de analizar os servizos turísticos que completaron e superaron a avaliación nos programas de formación e mellora, trasladando a súa proposta ao Comité Nacional do SICTED para que lles concedese este distintivo. Esta mesa, presidida polo vicepresidente primeiro da Deputación e presidente do Inorde e que ten atribuída a promoción turística da provincia, actúa como órgano de representación da entidade que executa o Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” entre os anos 2022 e 2024.

Os membros da mesa inclúen a CEO, a Universidade de Vigo, a Axencia de Turismo de Galicia, a Confederación Provincial de Empresarios de hostalaría e turismo, os geodestinos Ribeiro-Carballiño, Celanova-Xurés e Verín-Monterrei, e as asociacións de guías turísticos e axencias de viaxes de Galicia.

Sistema Integral De Calidade Turística No Destino

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola SETUR, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e coa colaboración das comunidades autónomas, que traballa con servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, co obxectivo final de mellorar a experiencia e satisfacción do turista. En relación a outras certificacións, o “Compromiso de Calidade Turística” require como paso previo e indispensable a creación dun destino, que posteriormente ofrece un conxunto de servizos.

A Deputación de Ourense xestiona o Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, froito dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, que permitirá a transformación competitiva dos 15 concellos termais da provincia: A Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, O Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muiños, Punxín, Ribadavia e Verín.

Artigos relacionados

Back to top button