OurenseÚltima hora

Xornadas sobre Territorios Rurais Intelixentes, en Toén

O Centro de Loita Integral contra o Lume de Toén reunía a alcaldes e representantes municipais para analizar os retos de futuro do rural a través da dixitalización para incrementar a calidade de vida das persoas

 

O Centro de Loita Integral contra o Lume de Toén encheuse esta mañá de alcaldes e representantes municipais para analizar os retos de futuro do rural ourensán a través das “Xornadas sobre Territorios Rurais Intelixentes”, que organizan a Deputación Provincial de Ourense e a Cátedra de Despoboación e Reto Demográfico de Next Educación.

Tal e como explicou o presidente provincial, Luis Menor, “presumimos das nosas aldeas e do noso medio rural, e estamos a dúas horas e cuarto de Madrid, o cal é unha oportunidade inequívoca para investir e para vivir, fixando poboación”. De aí que as xornadas de Toén están planificadas para “falar de solucións, coa fin de dar os servizos para vivir e traballar no noso rural. Se facemos das nosas aldeas territorios conectados e con servizos, seremos tremendamente competitivos á hora de captar poboación e investimentos”.

Precisamente, pola importancia destas xornadas, Menor transmitiu os seus parabéns aos organizadores e relatores, “que nos falarán das novas oportunidades do mundo rural, da conectividade por satélite, co gran exemplo de Toén, a nova realidade da Telemedicina e a enerxía renovable de autoxeneración, entre outros interesantes temas”.

O comunicador e promotor destas xornadas, Manuel Campo Vidal, agradeceu a sensibilidade do alcalde de Toén e do presidente da Deputación, exemplificando que neste concello teñen internet con satélite, sen necesidade de agardar pola fibra óptica. Un servizo do que na actualidade hai 43 instalacións e do que se benefician tanto familias como empresas. “Un territorio rural podémolo converter en intelixente con conectividade, enerxía de autoprodución e formación, como é o caso deste acto formativo”, explicou.

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no seu primeiro acto público tralo seu nomeamento, recalcou que “desde a Xunta é esencial valorizar o noso Medio Rural, mellorando a vida dos seus cidadáns, e a tecnoloxía faino posible como amosan estas xornadas en Toén”. Salientou que o concepto de territorio rural intelixente implica unha aposta polo progreso e por un futuro sustentable, que é o que “estamos empeñados en fomentar dende os poderes públicos en xeral e en concreto dende a Xunta de Galicia”.

Neste senso, María José Gómez insistiu en que “para nós, dende a Consellería do Medio Rural, é esencial valorizar e mellorar o agro, porque Galicia é rural”, así como mellorar a vida das persoas que viven e traballan neste eido. Ademais, indicou que a poboación demanda para o rural servizos semellantes aos das cidades e que “a tecnoloxía fai posible que eses servizos se acheguen tamén ás zonas rurais”. De aí que puxera en valor estas xornadas que, dixo, “vannos permitir coñecer mellor esas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial”.

Nestas xornadas de Toén, que teñen como finalidade difundir o concepto e as posibilidades do Territorio Rural Intelixente, están presentes alcaldes e técnicos dos concellos da provincia ourensá. O programa inclúe relatorios sobre a conectividade por satélite, a nova realidade da telemedicina ou a enerxía renovable de autoxeración, entre outros.

 

Artigos relacionados

Back to top button