Concellos

134 participantes no programa “Reencontros na Terra” 2014

Nesta edición do programa chegaron a Galicia emigrantes de Arxentina, Uruguai, Venezulea, Brasil e Cuba
Antonio Rodríguez e Amparo González, durante a recepción no Museo do Pobo Galego.
Antonio Rodríguez e Amparo González, durante a recepción no Museo do Pobo Galego.

Na mañá do 7 de outubro, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González Méndez, presidían no Museo do Pobo Galego a recepción oficial aos participantes na edición deste ano de ‘Reencontros na Terra’.

O programa, no que este ano participaron 134 persoas procedentes de cinco países latinoamericanos: Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, e Cuba, ten como obxectivo favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de máis de 65 anos de idade.

Cunha idade media próxima aos 75 anos, os grupos máis numerosos desta edición son os de Arxentina (80 persoas) e Uruguai (36 persoas). O resto das persoas participantes son 11 de Brasil, 4 de Venezuela e 3 de Cuba. Preto do 32% das persoas participantes naceron na provincia de Pontevedra, o 31% na da Coruña, o 21% na de Ourense e o 16% restante na provincia de Lugo.

A finalidade desta iniciativa da Xunta é que os participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, gastronómico, ou folclórico, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais, así como excursións. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional, entre outras actividades.

A segunda fase, consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses.

Artigos relacionados

Back to top button