En portadaÚltima hora

A Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade

Esta candidatura presentarase ante a Unesco por rexistro a final de ano para que dese xeito poida ser avaliada no ano 2021

Oficialmente a Ribeira Sacra, entre as provincias de Ourense e Lugo, xa é a candidata española a Patrimonio da Humanidade. Así o anunciaban na mañá deste venres 5 de abril o director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, no Parador de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín). Unha decisión que se tomaba ademais por unanimidade de todos os membros do Consello do Patrimonio Histórico, que destacaban o “magnífico traballo desenvolvido pola Xunta”.

Esta candidatura presentarase ante a Unesco por rexistro a final de ano para que dese xeito poida ser avaliada no ano 2021 durante o 45º Comité de Patrimonio Mundial. “Fixemos realmente un exercicio empírico de avaliación, estivemos neste territorio, vímolo, tivemos unha aproximación e unha inmersión nesta extraordinaria paisaxe cultural”, destacaba Fernández-Baca.

Pola súa banda, Martínez Insua amosaba o seu agradecemento a persoas e entidades que participaron neste traballo. O Consello de Patrimonio Mundial comezaba a súa reunión en terras ourensás na mañá do 4 de abril. A Ribeira Sacra abrangue 22 concellos das provincias de Ourense e Lugo, entre os vales do Sil e o Miño. Reúne un conxunto de cenobios, mosteiros, igrexas, capelas e cruceiros que, pola súa variedade e densidade, configuran un espazo cultural único en todo o mundo, destaca o Consello de Patrimonio Histórico.
Os membros deste consello “distinguen con esta iniciativa o que representa a defensa da historia, a natureza e a cultura dun territorio único en Europa”, dicía ao coñerse a nova o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen reactivaba en 2013 esta iniciativa e impulsaba a cooperación entre administracións e entidades para lograr esta candidatura.

O presidente do goberno provincial valorou como “obxectivo conseguido” o resultado do ditame do Consello de Patrimonio Histórico, e sinalou que o feito de que o acordo fose por unanimidade “énchenos de orgullo porque se trata dunha decisión beneficiosa para a Ribeira Sacra e para toda a provincia de Ourense”.

 

Imaxe da apertura do Conselo de Patrimonio Histórico, celebrado no Mosteiro de Santo Estevo.

 

Imaxe da reunión do Consello de Patrimonio Histórico no Mosteiro de Santo Estevo.

 

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, amosaba “a ilusión dos galegos por compartir co resto de España, de Europa e do mundo os tesouros da Ribeira Sacra”, destacando o incremento turístico deste territorio, que crecen case un 50 %, “converténdose ademais nun destino referente da desestacionalización”.

Artigos relacionados

Back to top button