En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Xornada de malla en Larouco

Un grupo de veciños xuntábanse o 10 de agosto para realizar conxuntamente este labor agrícola

Hoxendía non é doado ver labores agrícolas das que antigamente vivían os veciños nos pobos como poden ser a sega ou a malla. Con todo aínda hai persoas que aprezan os produtos naturais e non dubidan en xuntarse con outras da súa mesma filosofía para levar a cabo o traballo.

Iso é precisamente o que fan un grupo de veciños de Larouco, que dende o ano pasado reúnense para facer a malla, aínda que utilizando aparellos moito máis modernos que os que usaban os labregos antigamente. Nesta ocasión o traballo desenvolvíase na xornada do 10 de agosto na Canda, onde ían chegando os tractores cargados, e cada un desempeñaba unha función. Mentres uns metían o centeo na malladora, outros recollían a palla por un lado e o gran por outro, e os demais encargábanse da empacadora, deixando as pacas feitas. Incluso tiñan unha fotógrafa particular para recoller, en imaxes, cada momento da xornada.

 

Os veciños de Laouco o día de malla.

 

O da malla é un traballo en cadea que comezaba meses atrás coa sementeira en diferentes eiras que teñen entre Freixido e Larouco. “Este ano tiñamos sobre 4 hectáreas e para o ano esperamos ter máis”, explica Fran, un dos veciños que participa na actividade, engadindo que parte do gran que recollen usarano para sementar o vindeiro ano e o resto xuntarano con trigo para facer pan. Este ano colleitaron cinco tractores e os labores desenvolvéronse dende as 11 da mañá ata pasadas as nove da noite.

Fotos: Mónica G. bellver

Artigos relacionados

Back to top button