CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Catro centros escolares de Valdeorras e un de Trives apostan pola recollida de pilas nas aulas

O programa "Pilabot" reactívase este curso nos CEIP Julio Gurriarán e Condesa de Fenosa do Barco, no CPR Divina Pastora, tamén do Barco, no CPR Pablo VI-Fátima da Rúa e no IES Xermán Ancochea

 

Mañá, 14 de outubro, reactívase a última fase do concurso de recollida de pilas en centros escolares no marco da campaña Pilabot, que este ano celebra a súa segunda edición coa participación de 150 centros educativos de primaria e secundaria.

O certame suspendeuse de maneira temporal o pasado mes de marzo por mor da crise da Covid-19. Nese momento, algúns dos colexios inscritos atopábanse aínda en pleno período de recollida de pilas polo que non puideron completar a súa participación.

Por esta razón e coincidindo coa volta ás aulas dos estudantes de educación primaria e secundaria, a organización de Pilabot decidiu retomar as accións pendentes durante o mes de outubro para dar así por concluído o concurso. Desta forma, 55 colexios e institutos de distintos puntos de Galicia poderán retomar desde mañá a recollida de pilas entre o alumnado e completar así as seis semanas lectivas establecidas nas bases do concurso, entre os que están catro da comarca de Valdeorras (CEIP Julio Gurriarán e Condesa de Fenosa do Barco, Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas Colexio Divina Pastora, tamén do Barco e  CPR Pablo VI-Fátima da Rúa) e un na de Trives (IES Xermán Ancochea).

 

A mascota do concurso.

 

A campaña Pilabot xurdiu no ano 2018 como unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas no eido escolar coa finalidade de concienciar á comunidade educativa e ás familias do alumnado sobre o impacto que teñen este tipo de residuos se non se xestionan de forma axeitada.

Para isto inclúe un concurso fotográfico (#EuSonPilabot, resolto o pasado mes de xuño), a realización de charlas divulgativas en 50 centros para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito en contedores específicos, así como a elaboración e entrega de material didáctico entre todos os centros participantes.

A actividade central da campaña, en todo caso, é o concurso escolar de reciclaxe, de forma que os 150 centros participantes compiten entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de toda a Comunidade. Os alumnos e colexios que consigan recuperar a maior cantidade de residuos durante o período establecido en cada caso serán os gañadores e os seus nomes daranse a coñecer no mes de novembro. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Artigos relacionados

Back to top button