CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Celanova incorpora microconcertos ás visitas guiadas ao Mosteiro de San Rosendo

A iniciativa lévase a cabo coa colaboración do Concello, a Fundación Curros Enríquez e a Asociación “Un rato no tubo”
Un grupo de usuarios do Hotel Balneario de Arnoira Caldaria foi o primeiro en participar na proposta turísto-cultural.
Un grupo de usuarios do Hotel Balneario de Arnoira Caldaria foi o primeiro en participar na proposta turísto-cultural.

Co obxectivo de seguir afondando nunha oferta turística asentada no patrimonio arqueolóxico, monumental e cultural de Celanova, a Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova suman esforzos coa Parroquia de San Rosendo e a Asociación de Amigos do Órgano “Un rato no tubo” de Ourense, ofrecendo a posibilidade de que grupos de turistas que se acheguen a Celanova con reserva concertada para visitar o mosteiro de San Rosendo, poidan escoitar pequenas audicións ou microconcertos de órgano, ofrecidos por algunha das organistas ourensás que forman parte da asociación.

Esta iniciativa de divulgación do órgano desde un punto de vista turístico súmase aos esforzos que dende unha perspectiva máis docente levan unha década organizando o Concello de Celanova e a Xunta xunto coa profesora do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Marisol Mendive, a través dos concertos didácticos de órgano polos que teñen pasado arredor de 10 mil estudantes de toda Galicia.

Un momento do microconcerto no Mosteiro de San Salvador.
Un momento do microconcerto no Mosteiro de San Rosendo.

Neste sentido, a Asociación Cultural de Amigos do Órgano de Ourense e a parroquia ademais da Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova a través da oficina de turismo, ofrecerán unhas visitas ao Mosteiro de San Rosendo nas que se poderá gozar dunha experiencia musical exclusiva de órgano, orientadas a grupos concertados e cunha hora e media de duración. Nelas, os visitante poderán coñecer o patrimonio arquitectónico que ofrece este mosteiro, desde a capela mozárabe de San Miguel ata o maxestoso barroco da igrexa, rematando coa participación nun microconcerto-demostración do instrumento presente no coro alto.

Os concertos didácticos virán da man de María José Mosquera (organista da parroquia de San Rosendo), Irma Fernández Alonso, a propia Marisol Mendive ou calquera outro organista da asociación “Un rato metido no tubo”. Ademais de coñecer a mecánica do instrumento, a súa evolución a través da historia, os visitantes terán a oportunidade de gozar dunha breve audición práctica sobre o seu funcionamento neste contexto único do coro alto no que están presentes libros corais do S.XVIII e un coro gótico do S.XV.

O primeiro colectivo que tivo a oportunidade de gozar desta nova proposta turístico-cultural, o mércores 9 de novembro, foi un grupo de usuarios do Hotel Balneario de Arnoia Caldaria.

Artigos relacionados

Back to top button