En portadaÚltima hora

A CEO celebra o seus 45 anos nunha gala na que recoñecía a empresas como Cupa Group

A compañía vinculada ao sector da lousa valdeorresa recibía o galardón á vocación exportadora

 

Máis de 200 persoas acudían este xoves ao acto de celebración do 45 aniversario da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) nunha gala na Carballeira de Santa Cruz. A entidade empresarial reunía para a ocasión a unha nutrida representación tanto do tecido empresarial da provincia como de entidades, organismos e administracións de todos os ámbitos.

O evento contou ao comezo coas intervencións de Marisol Nóvoa (presidenta da CEO), Antonio Garamendi (presidente de CEOE), Francisco Botas (conselleiro delegado de Abanca), Gonzalo P. Jácome (alcalde de Ourense), Manuel Baltar (presidente da Deputación de Ourense) e Francisco Conde (vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.

Marisol Nóvoa foi a encargada de abrir o acto cunha intervención na que quixo destacar e poñer de relevo “a figura do empresario e o valor do seu papel para a sociedade, xa que son o motor económico xerando riqueza e postos de traballo’ e comentou que outro dos obxectivos da celebración de hoxe é tamén ‘resaltar a importancia do asociacionismo empresarial, que adquiriu moito máis valor na época da pandemia xa que serviu para afrontar os problemas e buscar solucións xuntos’. Finalizou facendo un chamamento ás institucións presentes para continuar coa colaboración público – privada para ‘situar a Ourense no lugar que se merece’.

A presidenta da CEO, que adiantou a homenaxe aos expresidentes da CEO, quixo lembrar nas súas palabras aos que xa non están e dirixiron tamén a entidade, Guillermo Collarte e José Manuel Pérez Canal, así como a outros empresarios falecidos no últimos catro anos como José Ramón Pérez Nieto, Luís Parente, José Luis Outeiriño e José Rodríguez López, “auténticos referentes empresariais” en palabras de Marisol Nóvoa.

A continuación, o presidente de CEOE, Antonio Garamendi, felicitou á CEO polos seus 45 anos de historia e recoñeceu o traballo de todos os presidentes da organización e os seus equipos nestes anos, ‘nos que souberon dar resposta ás necesidades dos empresarios ourensáns, acompañalos nas súas demandas, defender os seus intereses #ante a Administración e explicar as súas posicións #ante a opinión pública’ afirmou.

Pola súa banda, Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, puxo de manifesto o papel dos empresarios e as empresas na sociedade afirmando que ‘a súa importancia vai moito máis alá do económico, é máis, son fundamentais para o funcionamento dun país e hoxe esta realidade é esta homenaxe ao colectivo empresarial da provincia de Ourense, un territorio con capacidade para contar con empresas referentes, innovadoras, en crecemento, que cheguen a novos mercados e que cren cada día máis valor’ e lembrou que a entidade é aliada do colectivo empresarial para desenvolver proxectos de futuro.

Gonzalo Jácome, alcalde da cidade de Ourense, fixo referencia na súa intervención á situación empresarial en Ourense e á dificultade, hoxe en día, que supón a tarefa de ser empresario e as complicacións que carrexa, e avogou pola unión e axuda mutua do colectivo para seguir a senda da competitividade en Ourense.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, resaltou a importancia da “cooperación e a colaboración” como alicerces para seguir impulsando Ourense, a través de proxectos como o Centro Galego de Innovación da FP “Eduardo Barreiros” -cofinanciado pola Deputación e a Xunta- ou a sinatura, onte mesmo, da constitución da AECT na Raia Seca e o Gerês-Xurés, un instrumento de colaboración transfronteiriza liderado na parte ourensá polo goberno provincial. Nesta liña de traballo, Baltar destacou a “estreita relación” entre a Deputación e a CEO -“da que somos aliados ao igual que de todas as entidades representativas do territorio”- lembrando as liñas de cooperación abertas entre a administración provincial e a entidade, “un actor absolutamente vital na representación do tecido empresarial ourensán e no fomento da súa competitividade”.

O peche na quenda de intervencións púxoo Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, quen destacou o papel da Confederación Empresarial de Ourense como propulsora do desenvolvemento económico e empresarial da provincia, agradecendo a súa predisposición para colaborar coa Administración autonómica en diferentes iniciativas en beneficio das empresas ourensás. Resaltou igualmente o necesario labor de acompañamento que merece o tecido empresarial para mirar ao futuro con confianza e optimismo, e avogou por dar apoio financeiro ás empresas para reforzar a súa liquidez e solvencia, un obxectivo ao que se destinan 140 millóns de euros nos orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano.

Empresas premiadas en distintas categorías

No transcurso da celebración a CEO fixo entrega dos galardóns a once empresas ourensás que destacaron en distintos ámbitos de xestión como a integración laboral, innovación, dixitalización, responsabilidade social, sustentabilidade ou comercio, entre outras categorías, e que incluíu tamén o premio José Manuel Pérez Canle que cada ano entrégase á empresa con vocación exportadora.

O primeiro premio recaeu no Grupo Pérez Rumbao na categoría de empresa familiar, unha firma de cuarta xeración cun século de vida. Como empresa innovadora foi destacada Formato Verde, que desenvolve actualmente contedores intelixentes para fomentar a reciclaxe de lixo orgánico. Grupo Cuevas, Ignacio de las Cuevas foi recoñecida como empresa sostible, firma que tamén foi destacada como caso de éxito do programa Responsabilízate da Xunta polo desenvolvemento do seu RSE. O recoñecemento á traxectoria empresarial recaeu en Viños e Bodegas Gallegas polas súas máis de 50 anos de percorrido, fieis á súa esencia e diversificados cara ao enoturismo na actualidade. A Responsabilidade Social Empresarial de Coren é merecedora do galardón nesta categoría, polos compromisos que adquiriu e desenvolveu esta cooperativa con respecto ao benestar animal, a sustentabilidade ambiental, a calidade, o equipo humano e a sociedade.

No ecuador dos premios, Concepción López, presidenta da Asociación de Empresas de Limpeza de Edificios e Locais de Ourense, recibiu o galardón de empresaria do ano, un recoñecemento que ao mesmo tempo serve para enxalzar o labor e o esforzo realizado durante a pandemia desenvolvendo unha tarefa fundamental na loita contra a crise sanitaria.

Megatech Industries Ourense constitúe un caso de éxito na implementación de políticas de igualdade, non discriminación, flexibilidade e todas as iniciativas que facilitan a conciliación da vida laboral e familiar polo que foi premiada na categoría de conciliación. Pola súa banda, Roberto Verino Difusión levou a cabo unha transformación dixital global en todos os departamentos da empresa, implementando de forma exitosa solucións de big data e intelixencia artificial, polo que hoxe foi recoñecida co premio á dixitalización empresarial. O premio na categoría de integración laboral recaeu en Aceites Abril, firma que leva máis dunha década implicada na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual.

O comercio destacado co galardón nesta categoría foi Lenzaría Eva, establecemento histórico da cidade especializado en corsetería, lenzaría e baño que conta ademais cun taller onde personalizan e axustan as pezas.

O premio final reservouse para o que anualmente a CEO destina a recoñecer a vocación exportadora dunha empresa e que leva o nome do falecido José Manuel Pérez Canle, presidente da entidade entre 2013 e 2018. Cupa Group foi a firma seleccionada, unha multinacional formada por 75 empresas con sociedades filiais en 9 países, 25 canteiras, máis de 2.500 empregados e exportación a máis de 70 destinos dos 5 continentes.

Recoñecemento aos expresidentes da entidade

Marisol Nóvoa Rodríguez é a primeira presidenta muller dunha entidade empresarial en Galicia, e ocupa o cargo na CEO desde xuño de 2019. Antes que ela, sete homes fixérono en distintos momentos desde o nacemento da confederación en 1977. Esta tarde, a entidade que presidiron e o conxunto do tecido empresarial da provincia rendéronlles unha merecida homenaxe a 5 deles nun acto que pechou a celebración destes 45 anos de traxectoria e no que exerceu de portavoz Emilio Pérez Nieto, o primeiro presidente da confederación.

Foi un 2 de setembro de 1977 cando un grupo de empresarios decidiu unirse e dar os primeiros pasos do que hoxe é, 45 anos máis tarde, a Confederación Empresarial de Ourense. Aquel día asinábanse os estatutos dunha entidade que compartía os seus primeiros soplos de vida coa recentemente estreada democracia. Co paso do tempo e o traballo de moitos empresarios e empresarias a CEO desenvolveu unha estrutura aberta a todo o colectivo empresarial e ao progreso na que ten cabida da empresa máis pequena á máis grande, e que traballa polo desenvolvemento e benestar socioeconómico da provincia ourensá.

Desde a súa fundación, estes foron as persoas á fronte da entidade:

Emilio Pérez Nieto – setembro 1977 / marzo 1983
Guillermo Collarte López – marzo 1983 / decembro 1985
Miguel Ángel Pérez Pérez – febreiro 1986 / decembro 1990
Manuel Jaime Martínez Rapela – xaneiro 1991 / febreiro 1993
Manuel Jaime Cabezas Enríquez – febreiro 1993 / abril 1993
Francisco Rodríguez García – decembro 1993 / abril 2013
José Manuel Pérez Canal – abril 2013 / novembro 2018
Marisol Nóvoa Rodríguez – dende xuño 2019

Artigos relacionados

Back to top button