ConcellosÚltima hora

A CHMS avanza na ordenación da navegación e atraque da Ribeira Sacra

“O obxectivo final é harmonizar o uso sostible do río co valor paisaxístico e patrimonial da Ribeira Sacra, imprescindible para unha nova candidatura a Patrimonio da Humanidade”, di o presidente deste organismo

Foto: Carlos G. Hervella.

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), vén de asegurar que se avanza na procura de solucións que eviten a degradación da Ribeira Sacra. Neste sentido, hoxe foi rubricado o contrato coa empresa Mario Crecente e Asociados Consultores. O traballo  encomendado concluirá cunha Plan que conteña as pautas de planificación e ordenación da navegación e a atracada, co obxectivo de evitar a deterioración do DPH e dos ecosistemas asociados e que establecerá un marco de gozar do río baixo un modelo de navegación non invasivo e sostible.

O presidente da CHMS ditou en decembro unha suspensión temporal das autorizacións administrativas na contorna dos ríos Miño e Sil, co ánimo de articular, entre as distintas administracións e sen dilación, alternativas e/o solucións que permitan potenciar un turismo de calidade nunha zona singular de Galicia que conta co río como eixo principal.

“Actualmente existe un número importante de infraestruturas sobre o río e un volume peticións que se incrementa cada día, o que perturba a paisaxe natural orixinal, o que fai imprescindible a relación dun estudo da problemática e as solucións para ter en conta para racionalizar e harmonizar territorio e desenvolvemento sostible”, matizou o presidente da confederación.

Quiroga tamén adiantaba que se constituirá “unha mesa de traballo na que estarán representadas as administracións Estatal e Autonómica con competencias no territorio, co interese de avanzar con celeridade no deseño de necesidades e solucións para esta zona protexida, de referencia a nivel mundial, na que o turismo constitúe un recurso económico fundamental”, explicaba.

“O obxectivo final é harmonizar o uso sostible do río co valor paisaxístico e patrimonial da Ribeira Sacra, imprescindible para unha nova candidatura a Patrimonio da Humanidade”, concluíu o presidente.

Artigos relacionados

Back to top button