OurenseÚltima hora

A CHMS deseñará un plan especial para duplicar o investimento na Limia

Prestarase especial atención á limpeza da canle principal, dous secundarios e aos ríos e regachos da comarca

O presidente da CHMS na reunión cos alcaldes da Limia./ Cedida.

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mantivo un encontro cos alcaldes e alcaldesas da Limia (Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia, Trasmiras, Os Blancos, Xunqueira de Ambia, Calvos de Randín, Vilar de Santos, Porqueira, Sandiás, Rairiz e Baltar), para coñecer as inquietudes dos rexedores da comarca en relación á limpeza de canles e pistas agropecuarias e tamén da problemática de calidade das augas das comarca.

O presidente da CHMS explicoulles as competencias desta administración en relación á limpeza das canles secundarias e terciarias, que salvo a canle principal e dúas secundarias, o resto son competencia autonómica e municipal. En relación ás pistas agropecuarias, froito da concentración parcelaria, a CHMS non ten competencia, aínda que, a administración autonómica debería de facer un esforzo de colaboración executando as melloras necesarias, tal e como se informa dende o organismo de conca.

Ademais o presidente da confederación comprometeuse a reforzar as limpezas a través do deseño dun plan especial para duplicar o investimento en limpeza e conservación de leitos na Limia, así como para a limpeza das infraestruturas de competencia estatal.

“Outro tema crucial é a problemática de calidade que presentan as augas da comarca e a necesidade do uso de boas prácticas agropecuarias nunha zona cuxa economía está moi arraigada á agricultura e á gandería”, explicou José Antonio Quiroga.

“Neste mesmo senso e para mellorar a calidade das augas, hai que lembrar que desde a CHMS estamos a traballar na mellora dos sistemas de saneamento de Vilar de Barrio, Sandiás, Calvos de Randín e Porqueira; coa intención de ampliar este tipo de actuacións a outros concellos, a pesar de ser competencia municipal e de que todos os Concellos pagan o canon de saneamento á Xunta de Galicia”, matizou o presidente.

“A nosa total disposición a colaborar coa comarca e o compromiso de realizar as xestións necesarias cos distintos departamentos ministeriais para mellorar a calidade da auga da comarca, a mellora dos regadíos e, polo tanto, a calidade de vida dos veciños”, concluía o presidente.

Artigos relacionados

Back to top button