Precedendo ao seu fulión, como é costume, a Comparsa tradicional de mulleres de Mormentelos (Vilariño de Conso) desfilaba na mañá do Sábado de Entroido pola vila de Vilariño de Conso. Con traxes de liño, fermosamente elaborados e adornados polas mulleres desta aldea, camiñaban ao ritmo da música de pandeiretas e gaitas.
É costume que cada ano as mulleres compoñan coplas para cantar mentres desfilan. Desta volta, a chuvia e o mal tempo previo ao Entroido, que impedíu algunhas saídas do seu fulión, facilitaba en cambio que, ao xuntarse e preparar a vestimenta, tiveran tempo para compoñer as cancións e mesmo para ensaialas.
Así nesta ocasión creaban dúas coplas, unha delas estaba adicada a Castiñeira, outra localidade do municipio, coa que manteñen dende antigo un intercambio de fulións, e dicía así:
O pueblo de Castiñeira
é un pueblo dos mellores
cuando chega a primavera
cos lameiros cheos de flores.
Este pueblo se desperta
co cantar dos paxariños
e cantan os ruiseñores
que alegran a estes veciños.
Esta aldea tan hermosa
chea de brillo e color
cuando chega a primavera
e as xestas botan a flor.
Cuando vein as anduriñas
e o ceo empeza a cantar
os que viven neste pueblo
xa non se queren manchar.
Vímoslle cantar
vimoslle cantar
á xente qeu vive
en este lugar.
Tein unha plaza na entrada
e unha iglesia na salida
tamén tein unhes mociños
que nos alegran a vida.
Eiquí vive mui boa xente
e honrada como a de antes
tamén viven unhas mozas
que son guapas e brillantes.
Cantámoslle a xente nova
os rapaces e os ancianos
cantámoslle ao pueblo inteiro
de naide nos olvidamos.
Vímoslle cantar
vímoslle cantar
a xente que vive
en este lugar.
Eiquí termina esta copla
que a este pueblo dedicamos
a tódolos veciños
o ano que vén vos esperamos.
Esta copla era interpretada na visita que neste Entroido o pobo de Mormentelos lle facía ao de Castiñeira. Ao día seguinte, o Sábado de Entroido, participaban no desfile en Vilariño de Conso, onde tiñan previsto interpretar outra copla adicada a esta localidade, pero a chuvia interrompía ese desfile e truncaba as súas coplas.
O Fulión de Mormentelos remataba onte o Entroido participando no encontro de folións da Veiga.
Fotos: Alicia/cedidas.