CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A formación valdeorresa Son do Sil, na Federación de Grupos Músico-Vocais de España

Membros deste grupo asistían á asemblea fundacional desta entidade que tiña lugar en Xaén

 

Unha delegación do grupo valdeorrés Son do Sil viaxaba primeiros deste mes de xuño ata Xaén onde se organizaba a asemblea fundacional da Federación de Grupos Músico-Vocais de España (FGNV). “Cun esforzo importante por parte do grupo organizador do evento, Charanda de Xaén, e tamén por parte dos que acudimos debido á distancia, todo saíu á perfeccion como non podía ser doutra maneira cando se bota paixón ao que se fai. O acollemento foi sumamente familiar e o día 2 cando chegamos tivemos a oportunidade de ver a Shaila Durcal acompañada polo propio grupo Charanda, un espectáculo cun nivel artístico impoñente”, destacan dende Son do Sil.

Ao día seguinte os asistentes ao encontro reuníanse no Castelo da Garda. Esta federación, composta por máis de 30 agrupacións a nivel nacional, “trata de aproveitar as sinerxías de cada un dos asociados para conseguir unha mellor xestión dos grupos dado que todos temos casuísticas parecidas e podemos darlle solucións similares. Trátase pois de crear unha rede sólida onde poidamos expor inquietudes, organizar eventos e dar resposta ao que é a nosa ilusión que os grupos se manteñan e teñan boa saúde no tempo”, explica Enrique Rodríguez, de Son do Sil.

 

 

Tras revisar os estatutos e realizar algunhas correccións, “que expuxemos en común para deixar os mínimos flocos posibles, dispuxémonos a asinar ese acta constitutiva os grupos alí asistentes como foron Charanda de Xaén, Vuelta Abajo de Asturias, Albadre de Alicante, Furriones de Badajoz, Almenara de Almería, Son del Malecón de Murcia, Dos Orillas de Valladolid, Jueves de Boleros de Santander, en fin unha nutrida representación do panorama musical español do que sentimos orgullosos de formar parte”, resalta Rodríguez. “Sen dúbida esta federación vai facilitar seguramente chegar onde nós sós nunca poderiamos acceder e alégranos enormemente que o noso Barco de Valdeorras poida ser participe deste histórico momento”, engade.

Este representante de Son do Sil asegura que “o que pase no futuro está por ver, pero, de momento os proxectos seguen adiante e a ilusión intacta, se cabe aumentada con este tipo de experiencias que trataremos de aproveitar para traer á nosa poboación, co apoio das institucións, espectáculos de gran calidade que nos axudarán a seguir situando o noso pobo no mapa musical nacional”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button