EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A Granxa A Ciruxana (Viana-Vilariño), nun proxecto internacional de artesáns para pór en valor a la de ovella galega

Está promovido pola fiadeira Teté Mareque e denomínase Ardexarxe. Nel participan unha vintena de creadores galegos, pero tamén de Bulgaria e Polonia, creando pezas con este material con diferentes técnicas e estilos

A artesá Teté Mareque na Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo), con Xoán González.

 

Poñer en valor a la da ovella galega e a tradición artesá. Con este afán xurdía, a base de ilusión, esforzo e colaboración, o proxecto Ardexarxe que arestora implica a unha vintena de artesáns de diferentes puntos de Galicia, pero tamén de países como Polonia ou Bulgaria, e tamén a gandeiros como Xoán da Gran A Ciruxana (Viana do Bolo e Vilariño de Conso). A iniciativa nacía alá pola primavera da man de Teté Mareque, de San Mateo (Narón), unha artesá e fiadeira, con especial paixón pola la de ovella galega.

“Eu fiaba la dos meus veciños da zona, fixen moitos traballos con ela e un día en decembro púxenme a buscar en internet e atopei a referencia da Granxa A Ciruxana de ovella autóctona galega. Contactei con Xoán e pregunteille que facía coa la, se a tiraba e díxenlle que eu a quería para fiar. A el encantoulle a idea e quedei en ir a recollela unha vez a esquilase. E así foi, tras a Semana Santa fun á súa granxa, coñécemonos persoalmente. e trouxen 200 e pico de quilos de la, moita cantidade e dunha calidade super. Entón pensei que isto había que compartilo e abrilo a outros artesáns e así empezou a xestarse, pouco a pouco, o proxecto. Primeiro incorporouse unha amiga que traballa o coiro e que pensou en facer un bolso con la, e logo comecei a falar con outros artesáns”, conta Teté Mareque, que ademais incorpou a la da Granxa Caxigueira de Ortigueira.

Xoán González, da Granxa A Ciruxana, lamenta a perda de valor da la, malia á súa importancia como produto, xa dende antigo, e a súa calidade. “Antes da pandemia pagaban pola la das miñas ovellas 50 ou 60 euros, moi pouco. Chegou a pandemia e xa non valía nada, e o que estou vendo eu con este tema todo é que en Galicia temos un autoodio moi profundo. Antes as ovellas galegas non valían, nada valía, agora resulta que as ovellas galegas teñen unha carne excelente para os mellores mercados, a la de ovella galega está demostrando que é excelente, que se poden facer prendas dunha altísima calidade, e ao final, temos na terra un produto exquisito que se despreza por autoodio, por intereses de empresa ou polo que sexa. Hai que lembrar que coa la destas ovellas de raza galega foi coa que durante centos de anos se vestiu toda a xente de Galicia e se facían todas as prendas e a roupa que usaban a diario, non había outra cousa”.

 

 

O proxecto Ardexarxe (que toma o seu nome da localidade vianesa onde está a Granxa A Ciruxana) aposta por amosar as propiedades e calidade da la de ovella galega. Consiste en que cada artesán, coa súa técnica (dende fiado ata decoración, cestería ou pintura) e estilo, empregue a la como material para crear unha serie de pezas que se amosarán nunha exposición, que prevé terse lista para o 2023 e coa que se pretende percorrer a xeografía galega amosando o valor, posibilidades e propiedades deste material natural. “Todo isto mountouse en cousa dun mes e de forma case espontánea e resultou unha explosión. Estou moi agradecida pola acollida, o proxecto medrou cun gran entusiasmo e conexión, nunca vin a 20 artesáns traballar co mesmo material. A la véxolle infinidade de aplicacións, non sei como isto se pode destruír así e non se lle dá valor”, comenta Teté Mareque.

 

 

Os artesáns e artistas que participan no proxecto son: Urko Encaixes (Ferrol) con coiro, TapizGalicia (A Coruña) con tear alto lizo, as feltristas Sinulid (Arbo) e creaciones_conalasdemariposa (Oleiros), a pintora Emma Pillado (Ferrol), Saúde Mental Ferrol Eume Ortegal (Narón) con fiado, Liño e Lá (Pontevedra) que é feltrista coa súa granxa; Belategui Regueiro (Cambre) con tear baixo lizo, Luisa Da Silva Seijas (Ares) con cestería; Pecaspita (Vigo) feltrista; Montse Ces Riobóo (Ferrol) con gancho, Bistra Pisancheva (Bulgaria) con bolillos contemporáneos, o mesmo que Carmelo Cagigao (Ferrol), Ewa Szpila e Malgorzata Spizia (Polonia) con bolillos artísticos, Con dos ovillos (Ferrol) con calceta, Parrumeira (Pontedeume) con bordado, Noa Menéndez (Ferrol) ceramista, Sofía Piñeiro (Ferrol) pintora, Obradoiro O Sarillo (Barallobre) de traxe tradicional. Tamén colabora, no procesado da la, Mar.

 

 

Todos eles, incluída Teté Mareque, utilizan como material a la de ovella galega preparada pola propia Teté nun proceso longo e moi laborioso, pero puramente tradicional. “A nosa la é artesanal, eu prepároa na casa, aquí non toca a industria para nada, é todo artesanal, eu paso as miñas horas aí lavando, as miñas horas cardando e fiando”, resalta.

O gandeiro Xoán González amosa a súa satisfacción por esta iniciativa. “Estou moi contento porque a min doiame moito o feito de ter que regalar a la e, ademais, despois vía que ía mercar unha prenda de la e valía un ollo da cara. Por iso pregúntome, ¿que pasa aquí, temos un produto excelente e estámolo regalando para que despois outros se fagan de ouro e os que producimos non ganemos un céntimo? Paréceme que a través desta iniciativa se pode defender o noso, que se está pondo en valor. O que está facendo Teté cun montón de artesáns diferentes é incrible, ata ha algúns internacionais, creo que isto é un orgullo. Se isto funciona e a la é un beneficio máis para as explotacións gandeiras pois con menos cabezas de gando pódese vivir, podes ter mellores ingresos e fixar poboación no rural”.

 

 

Por iso, a intención do responsable da Granxa A Ciruxana é seguir apostando por iniciativas coma estas. “O ano que vén a nosa intención é seguir na mesma liña, colaborando con elas e buscando facer un traballo de fondo que sexa a dignificación deste produto para que nun futuro poidamos ter un rendemento económico”.

Ao final, conclúe Teté Mareque, “pretendemos ir da man os gandeiros e os artesáns para que cando remate este camiño expoñamos as pezas que cada un aporte, demostrando as múltiples técnicas Nas que se pode traballar a la das nosas autóctona”.

Fotos cedidas.

 

Xoán, responsable da Granxa A Ciruxana, con pastos nos concellos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button