En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A música de Kepa Junkera fusiónase en “Mar de Terra” coas faces máis ancestrais e os ritmos do Entroido galego

Este documental, que retrata a modo de “road movie” a descuberta do músico vasco desta tradición, estreábase na gala inaugural do 23 OUFF

Son apenas 50 minutos, pero moi intensos en tradicións, emocións, vivencias, celebración e amizade. “Mar de Terra” retrata en imaxes, palabras e, sobre todo ritmos, a descuberta persoal dalgúns dos Entroidos máis ancestrais de Galicia por parte do músico vasco Kepa Junkera. Está dirixido por J.A. Blanco e producido por Javier Torquati. Ambos acompañaban no escenario do Auditorio de Ourense a Junkera o 29 de novembro na gala inaugural do 23 OUFF, na que se estreaba este traballo “moi sinceiro, persoal e feito dende a amizade”.

É un documental, contado a modo de “road movie” que nacía sobre a marcha, case se xeito espontáneo e que ía cobrando forma a medida que no pasado febreiro Junkera visitaba en tempo de Entroido a unha serie de amigos en Laza, Santiago de Arriba (Chantada), Xinzo de Limia, Salcedo (A Pobra do Brollón), Viana do Bolo, Verín, e, posteriormente Vilariño de Conso e Manzaneda.

A proxección deste documental poñía ao broche dun xeito moi particular á gala de apertura do festival, presentada pola actriz ourensá Ledicia Sola, e na que tamén tomaba a palabra o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, quen agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o seu empeño en sacar adiante esta edición do 2018 do festival. “Pretendemos que a sociedade ourensá recupere a estima no seu festival”, destacaba. Deseguido, o presidente da Deputación era o que se subía ao escenario para facer entrega da Calpurnia de horna ao cineasta ourensán Xavier Bermúdez, quen aseguraba que o galardón convertése “nunha obriga para seguir facendo películas que leven o nome e a imaxe de Galicia e de Ourense polo mundo”.

A continuación soaba a música de Kepa Junkera á trikititxa, acompañado á percusión por dous músicos de Xinzo. Era o limiar da presentación de “Mar de Terra”, o momento máis esperado da noite. Unha proxección que remataba entre aplausos e cunha sorpresa moi especial: as máscaras dos Entroidos do documental ían aparecendo por cada recuncho do auditorio e subíndose ao escenario mentres Junkera, acompañado polo grupo Cidade de Antioquía de Xinzo, interpretaba a “Marcha dos Entroidos” e, finalmente, o seu coñecido tema “Bok-Espok”, co público en pé.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button