ConcellosÚltima hora

A RIET pide ao Cumio Ibérico a creación dun grupo de traballo para o impulso do Corredor Atlántico

Na moción aprobada, a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas destaca que o espazo Atlántico representa a totalidade da fronteira máis longa de Europa, integrada por territorios de baixa densidade en alerta vermella demográfica
Imaxe da asemblea.

Os dirixentes municipais, empresariais e académicos da fronteira hispano-lusa na súa totalidade, integrados na RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas) veñen de reunirse en asemblea xeral neste 6 de novembro na localidade portuguesa de Fundão para analizar as accións propostas a ambos gobernos de cara a ser debatidas no vindeiro Cumio Ibérico (previsto para o 21 de novembro en Valladolid) e que implican solucións aos problemas que impiden o desenvolvemento na fronteira.

Durante a reunión a RIET aprobaba unha moción para solicitarlle ao Cumio Ibérico que se cree un grupo de traballo co fin de impulsar o corredor do Atlántico e os investimentos e medidas complementarias en todos os ámbitos para garantir o desenvolvemento do Atlántico. Na moción aprobada, a RIET destaca que o espazo Atlántico representa a totalidade da fronteira máis longa de Europa, integrada por territorios de baixa densidade en alerta vermella demográfica. Por tanto, está en xogo a cohesión da Península Ibérica e a súa competitividade económica e social no escenario europeo post crise.

Entre estas propostas analizáronse tamén as medidas para combater os incendios, contidas nun documento elaborado polo Eixo Atlántico, membro da RIET. España e Portugal manteñen a fronteira máis longa e estable de Europa, o que fai necesaria unha dobre diplomacia: a tradicional entre ambos os estados e unha específica de fronteira que contempla os problemas da poboación que viven neste territorio.

Neste espazo existen problemas pero tamén oportunidades de colaboración, en asuntos relacionados co transporte, a planificación sanitaria conxunta, a compartición de recursos educativos ou o combate conxunto contra os incendios. Uns obxectivos de colaboración que para desenvolverse requiren da elaboración dun tratado bilateral adecuado aos tempos tal e como propón a RIET no documento que se fixo chegar á ambos os gobernos.

 

Outro dos momentos da reunión celebrada en Fundão (Portugal).

 

A RIET

A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas de Cooperación (RIET) é un proxecto nado en 2009, constituído por organizacións municipais, empresariais e de educación próximas á fronteira de España e Portugal. A RIET foi creada co obxectivo de promover a cooperación transfronteiriza, o desenvolvemento socio-económico nos territorios fronteirizos e de establecerse como unha soa comunidade de interese ante os gobernos de España, Portugal e Unión Europea.

Actualmente, a RIET está formada por 8 asociacións empresariais, 8 entidades transfronteirizas (entre elas o Eixo Atlántico) e 10 universidades ao longo de toda a fronteira entre España e Portugal.

Artigos relacionados

Back to top button