OurenseÚltima hora

A Romaría Raigame, que se celebra en Vilanova dos Infantes, estará dedicada ao oficio dos canteiros

 

Dende o próximo luns, día 6, aquelas persoas que desexen participar na Romería Etnográfica Raigame coa demostración de antigos oficios, traballos artesáns ou outro tipo de actividades de venta de produtos tradicionais ou gastronómicos, poderán descargar o formulario de solicitude e as normas que regulan a participación na romaría, das web www.raigame.gal ou www.celanova.gal así como das redes sociais do Concello de Celanova, debendo tramitar a súa solicitude exclusivamente a través do correo info@raigame.gal.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 26 de marzo, a partir de cando a organización de Raigame procederá á selección de participantes tendo en conta o postulado nas devanditas normas de inscrición e criterios de selección.

Dado que no próximo mes de abril cumpriranse cen anos dende que a Capela de San Miguel foi declarada Monumento Histórico Nacional e que unha boa parte do seu valor artístico deriva da harmonía construtiva e, polo tanto, do traballo de cantería co que os profesionais daquela época se aplicaron para conseguir tal perfección de formas, este ano a Romaría Raigame centrará a súa actividade e o protagonismo da xornada no antigo oficio dos canteiros.

Un oficio do que existen testemuñas en Celanova e o seu entorno dende os megalitos que se conservan agachados na Casa da Neve e nas chairas de Amoroce e Acebedo, que son evidentes na propia estrutura poboacional do conxunto arqueolóxico de Castromao, así como en pezas tan singulares e características coma os trisqueis calados, os frisos ou a figura zoomorfa que alí teñen aparecido e que continuaron tamén outros exemplos tan impoñentes como o Mosteiro de San Rosendo ou, xa máis concretamente en Vilanova dos Infantes, na súa igrexa parroquial, na capela do Cristal ou na torre da homenaxe, onde se conservan un gran número de vestixios do seu traballo por medio das marcas que deixaban de canteiros en cada pedra para poderen recibiren os seus salarios laborais. E incluso non podemos esquecer a súa presenza na literatura, non en van unha das composicións poéticas máis coñecidas de Celso Emilio Ferreiro é a titulada “Longa noite de Pedra”.

Por outra banda, tamén é de destacar que nesta edición de Raigame crearase un concurso de engalanado de fachadas, corredores e galerías, co obxectivo de que os veciños colabores activamente na mellora estética do núcleo vilanovés durante toda a xornada.

Artigos relacionados

Back to top button