En portadaÚltima hora

A Veiga acollerá unha sesión sobre o novo plan estratéxico do turismo rural galego

Esta sesión, dirixida ao Xeodestino Manzaneda-Trevinca, está prevista para o venres 13 de abril
Imaxe nevada do cume de Trevinca, na Veiga./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cumprindo coa Estratexia do turismo de Galicia 2020 e tras a adxudicación da elaboración do Plan Estratéxico do Turismo Rural de Galicia, a Xunta vén de iniciar esta semana na provincia de Ourense o traballo de campo para avanzar no deseño deste novo documento, mantendo diversas reunións, unha das cales será en Valdeorras. “A intención é fixar as liñas, retos e oportunidades futuros dun segmento turístico en alza que acumula catro anos consecutivos de crecemento de demanda permitíndolle marcar en 2017 un máximo histórico con preto de 450.000 noites e 200.000 viaxeiros”, explican dende este departamento autonómico.

Despois de celebrar a primeira das sesións onte, 9 de abril, en Verín e Xinzo de Limia, para os representantes das administracións locais e axentes turísticos dos xeodestinos Verín-Viana e Celanova-Limia, na mañá do 10 de abril foi a quenda dos profesionais e entidades locais do Xeodestino Terras de Ourense e Allariz, e pola tarde tocoulle ao Xeodestino do Ribeiro, cunha sesión de traballo en Ribadavia á que asistiu a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. A provincia de Ourense acollerá outra sesión o venres 13 en A Veiga, para o Xeodestino Manzaneda-Trevinca.

Ás cinco sesións que se celebran estes días na provincia de Ourense, sumaranse outras dez máis por toda a xeografía galega durante este mes de abril. Desde o mércores as sesións celebraranse na provincia de Lugo, con mesas de traballo na cidade de Lugo, en Foz, Monforte de Lemos e Folgoso do Courel. A provincia da Coruña terá sesións a partir do día 16 na cidade da Coruña, en Muxía e en Arzúa. Na de Pontevedra están convocados en A Estrada, na cidade de Pontevedra e en Mos.

Xunto a estas sesións de traballo, estas primeiras fases de elaboración do Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia realizaranse enquisas aos establecementos de turismo rural, así como entrevistas individuais e presenciais. Tamén se recompilará a opinión de expertos e especialistas do sector académico, persoal das denominacións de orixe de alimentos e consellos reguladores do viño, así como representantes de asociacións de turismo rural, turismo activo, gastronómicas, de enoturismo, Rutas do Viño e rutas BTT.

Artigos relacionados

Back to top button