En portadaÚltima hora

A Veiga, Parada de Sil e Cervo, municipios galardoados nos Premios á Dinamización Demográfica

Panorámica da Veiga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Xa se coñece o nome dos municipios premiados na primeira edicón nos Premios á Dinamización Demográfica. A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, facía públicos neste 13 de decembro os concellos distinguidos nestes galardóns, aos que a Xunta destinou 77.500 euros. Son, por esta orde, os concellos da Veiga, Parada de Sil e Cervo, “polas súas medidas para xestionar o declive demográfico mediante o impulso e a revitalización da poboación no seu territorio”.

Así, o primeiro premio deste ano, dotado con 40.000 euros, recaeu no municipio da Veiga, pola “posta en marcha de políticas transversais coas que reforzar o papel dos emprendedores e dinamizar a economía local, como o proxecto para poñer en marcha un viveiro empresarial a disposición dos veciños interesados en emprender no sector agrario”, segundo informa a Xunta.

Tamén se destaca dende a administración galega que a “proposta da Veiga incide en eidos como o emprego, poñendo en valor produtos da zona como o mel, as fabas e os cogomelos das Montañas de Trevinca ou o fomento da plantación de novos soutos. Ademais, a rehabilitación de vivendas baleiras en desuso e de antigas casas-escola para alugueiro permitiu o traslado de varias familias ao municipio. Para potenciar o turismo da Veiga, o concello creou en 2017 o Centro de Visitantes ZEC Pena Trevinca e conta desde 2015 coa certificación como destino turístico Starlight pola excelente calidade do ceo. No ámbito de benestar social, habilitáronse axudas á natalidade e ao transporte, así como programas de conciliación e actividades de envellecemento activo”.

Parada de Sil

O segundo galardón desta edición, cunha contía de 25.000 euros, foi parar ao municipio de Parada de Sil. A iniciativa presentada por este concello busca o “asentamento de novas familias e xente nova a través da rehabilitación dun grupo de casas en ruínas no núcleo de Fondevila para emprazar cinco vivendas unifamiliares. Para fomentar a conciliación laboral e familiar, o Concello propón a reforma dunha antiga construción para albergar un espazo de coidado e casa de lecer para nenos menores de 10 anos en períodos vacacionais e tamén na época escolar para os nenos en idade previa á escolarización obrigatoria”, indica a Xunta.

 

Aparcadoiro de Parada de Sil, que aposta polo turismo, cheo de coches nunha fin de semana./ Foto cedida.

 

Por último, o concello lucense de Cervo foi recoñecido co terceiro premio, para o que se fixou un importe de 12.500 euros.  Coa primeira edición destes premios, a Xunta busca visibilizar e recoñecer as boas prácticas das entidades locais de menos de 20.000 habitantes para afrontar o reto demográfico que poidan aplicarse noutros municipios da nosa comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button