CulturaCulturaÚltima hora

A vila ourensá de Seixalbo celebra o seu mes cultural

Terá lugar entre o vindeiro sábado, 5 de setembro ao 4 de outubro

Cunha programación adaptada a “nova normalidade” a Asociación Veciñal de Seixalbo pon en marcha a 33 edición do Mes Cultural. Desenvolverase de 5 de setembro ao 4 de outubro, tendo como escenario principal a Praza do Cabildo da vila. A práctica totalidade de actividades será ao aire libre, en espazos delimitados e con aforos reducidos.

 

Cartel da actividade.

 

A directiva veciñal prioriza a prevención e a defensa da saúde nunha programación deseñada para todos os públicos e idades. Neste senso, facilitaranse mascarillas homologadas así como xeles hidroalcohólicos en todas as actividades, redobrando os esforzos de desinfección e limpeza dos espazos de uso, así como o mantemento de distancias interpersoais. Suspéndense as actividades clásicas que ocasionan aglomeracións, como a viaxe cultural, a cea de socios e a representación teatral do Auditorio de Penouzos.

A respecto do Covid-19, a organización explica que “actuaremos sempre conforme ás instrucións que diten as autoridades, o que pode significar o aprazamento dalgunha actividade se as circunstancias así o require”.

 

Programación variada

Destacan as actividades para o público infantil cun programa de actividades que evitan o contacto físico, cunha sesión de maxia e ilusionismo a cargo de Mago Albert e unha representación de teatro infantil a cargo de A Run-Run que porá en escea “Cecilia e a súa boneca” así como un taller de deseño de moda para os nenos e nenas da vila coordinado por Marisol Delgado.

Manteñense outras das actividades clásicas, a andaina solidaria. Un percorrido pola natureza que desde o Castro Foxo e a Pena da Moa chegará ata os Muíños do Barbaña, poñendo en valor os espazos naturais próximos. Nesta ocasión, cunha simbólica cota de inscrición que será destinada integramente ao Banco de Alimentos, reforzando a aportación de tres toneladas de leite que fixeron as xentes de Seixalbo durante o confinamento.

 

Programa.

 

Unha charla sobre a historia de Seixalbo a cargo dos cronistas locais Marga Seara, Elena González e Manuel Herminio Iglesias tratará de poñer en valor da que fora Vila e Couto do Bispado durante séculos, antes de integrarse no Concello de Ourense. A exposición polos recantos de canellas de fotografías antigas, “Tempus Fugit”, servirá para consolidar este sentimento de pobo socialmente comprometido, con fondos do arquivo de Emilio González.

Así, un ano máis, Seixalbo mostra o seu lado máis cercano, cunha xornada de Convivencia Intercultural onde as xentes da vila compartirán vivencias con culturas de outros países amigos, contando neste caso coa imprescindible colaboración da Fundación Juan Soñador a través do seu Programa Teranga.

Pero, sen dúbida, o prato forte das últimas edicións era a función teatral escrita, dirixida e representada conxuntamente polo Grupo Teatreiro Ese Día Sae e o Grupo Seixalbo Baila. Nesta ocasión foi reconvertida en un formato audiovisual, “Sóame a túa cara”, un remake do coñecido programa televisivo, cun total de doce videoclips que permitirán “seguir gozando e botando unhas risas”, pero con total seguridade, a través das redes sociais e cunha sesión final ao aire libre, pero con aforo limitado.

Tamén é un clásico o concerto de clausura, que non podía faltar nunha vila musical. Tamén ao aire libre, con aforo limitado, desta volta serán os grupos de raíces locais Cantigas de Seixo, Trovare e o dueto Juanjo e Daniel os que poñerán o broche final a edición .

Artigos relacionados

Back to top button