En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A XIV Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo) reta á chuvia e reúne a unhas 750 persoas

 

Non se cumprían as previsións e malia facer un forte vento e choviñar a ratos, a meteoroloxía respectaba a XIV edición da Ruta dos Fornos que reunía a unhas 750 persoas na xornada deste sábado 4 de maio en Celavente (O Bolo) seguindo o formato de sempre: un percorrido duns 4,6 quilómetros con paradas para comer nos seis fornos comunais recuperados hai máis dunha década así como na adega.

 

 

A cita comezaba coma sempre coas oportunas explicacións por parte da organización, a Asociación Centro de Animación Rural Celavente, e o poema escrito por Juan Corzo que este ano non podía acudir deixándoo gravado para os asistentes. A partir de aí, co acompañamento musical de Treboada Arroutada de Tomiño e dos cantos de taberna Abertal, arrancaba a ruta ata o primeiro dos fornos, tras un pronunciado camiño: o do Viduedo con chourizo asado e viño ou auga. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo era no Forno dos Ortos con empanada e de novo, viño e auga.

 

 

Despois viña xa a baixada atravesando soutos e estradas ata chegar á parte baixa da vila. A terceira parada foi o Forno de Outeiro con orella, morro e xamón cocidos (pan e bebida), e de aí houbo que coller un pequeno desvío para chegar ata a Adega da Capilla para degustar o doce de castañas. Baixando uns metros máis estaba o Forno do Fondo con xamón asado. O percorrido complétase co Forno do Campo no que servían torta de roxóns e licores, e o Forno do Cima con roscón e máis licores.

No desnvolvemento da festa, á que asistía xente chegada dende diferentes partes dd Galicia e mesmo Polonia, traballan unha trintena de veciños do pobo así como voluntarios de Protección Civil do Bolo e de Viana do Bolo.

Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas.

Máis información e foto:

Ponse en marcha a XIV Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo)

Artigos relacionados

Back to top button