En portadaOurenseÚltima horaVídeos

Ábrese unha nova etapa na Deputación de Ourense con Luis Menor (PP) como presidente

Este mediodía constituíase a nova Corporación provincial da que forman parte 12 deputados do PP, 7 do partido socialista, 3 do BNG e 3 de DO

 

Luis Menor, alcalde popular de Pereiro de Aguiar, vén de converterse no novo presidente da Deputación de Ourense nunha sesión plenaria na se constituía a Corporación provincial para o novo mandato 2023/27. O pleno comezaba ás 12h. coa preceptiva constitución da mesa de idade, formada polo deputado de máis idade Rosendo Fernández (PP) e polo máis novo, o socialista Diego Fernández, ambos prometían os seus cargos. A partir de aí iniciábase, por orde alfabética, a toma de posesión do restos de deputados, que prometían ou xuraban os seus cargos, entre eles os valdeorreses María Carmen González Quintela (PP) e Aurentino Alonso (PSdeG-PSOE).

Unha vez constituída a Corporación provincial (formada por 12 deputados do PP, 7 do PSdeG-PSOE, 3 do BNG e 3 de DO), procedíase á elección de novo presidente para a cal se presentaban tres candidaturas: unha do PP propoñendo a Luis Menor, outra do PSdeG-PSOE con Álvaro Vila como candidato e unha terceira de DO con Armando Ojea (o BNG non se postulaba). E era preciso realizar dúas votacións polo sistema de alzada (ao non obterse na primeira maioría absoluta e valendo na segunda a simple) para poder ter presidente, sendo o máis votado o candidato do PP.

Tras recibir o bastón de mando, Luis Menor, que é tamén alcalde de Pereiro de Aguiar, comezaba o seu discurso como novo presidente da Deputación de Ourense con agradecementos, “grazas, moitísimas grazas de corazón a todos cantos confiaron na miña persoa para que hoxe recolla este bastón de mando, que máis que simbolizar unha presidencia representa aos 92 concellos e aos máis de 304.000 habitantes da nosa provincia. Todo un reto que asumo coa máxima responsabilidade e esixencia que sempre me marquei na miña traxectoria profesional e de servizo público, todo un desafío”. Tamén tiña palabras de agradecemento ao anterior presidente provincial Manuel Baltar, “grazas pola túa dedicación, compromiso e pola túa paixón por Ourense”, dicíalle. E agradecía así mesmo o labor realizado polos membros da Corporación no anterior mandato “sen distinción de siglas”.

 

O novo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, tras tomar posesión./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Menor comentaba ademais o seu interese por contar “co apoio e coa implicación do resto dos grupos políticos que forman parte desta nova Corporación, máis aló das discrepancias ideolóxicas, pídolles aos portavoces e deputados da oposición que exploren e dean pulo a esta capacidade de acordo que nos esixe a sociedade. Se algunha característica me define e que son unha persoa que escoita e dialoga, porque creo no consenso, por iso procurarei sempre o apoio de todos os partidos desta Deputación, na medida do posible, para levar adiante coa máxima lexitimidade os proxectos da provincia que poñamos en marcha no mandato que comeza”.

O novo presidente da Deputación facía fincapé na importancia de “planificar e priorizar as accións de gobern, estes serán os piares do meu goberno provincial”, lembraba que Manuel Baltar deixaba á institución economicamente saneada e adiantaba dous aspectos básicos para “afrontar unha etapa na que o labor de goberno terá dúas direccións fundamentais: consolidación dos obxectivos e atención aos novos desafíos”.

 

 

Os retos

Luis Menor lembraba que “todos temos en mente cales son as fortalezas e potencialidades e tamén debilidades da nosa provincia”. Entre as primeiras citaba o recurso termal, “único e singular pola súa cantidade e diversidade de augas”, o sector do viño con 4 denominacións de orixe na provincia ou a calidade do sector primario e da gastronomía ourensán. Como potencial citaba a vinculación “de todos os aspectos citados co turismo, engadindo os Camiño de Santiago, as paraxes naturais, o patrimonio ou o turismo deportivo; así como a conexión por alta velocidade co centro de España, traballaremos arreo para desenvolver unha estratexia de aproveitamento das oportunidades que nos ofrece o AVE”.

No referente ás debilidades, entre as que destacaba a perda de poboación, especialmente no rural, “que só conseguiremos frear con servizos máis eficientes que axuden a mellorar a calidade de vida, e tamén coa creación de traballo”. E aseguraba que a “Deputación de Ourense está chamada a ter un papel esencial no ámbito do envellecemento, da soidade non desexada e dos servizos sociais, que máis que un problema pódese transformar nunha oportunidade de futuro para captar investimentos que nos permitan desenvolver novos proxectos, sexan de carácter público ou privado, e polo tanto crear máis emprego e riqueza nos nosos concellos”. Apuntaba, como segundo desafío, a loita contra o cambio climático, “a xestión e conservación do noso medio ten que estar entre as nosas prioridades e así vai seguir sendo”  e “seguiremos afondando na loita contra os lumes”.

 

 

Cooperación cos concellos

Para o novo presidente provincial a cooperación cos concellos “non é un obxectivo”, senón “a razón de ser da Deputación, por iso anuncio que asumo en primeira persoa o exercicio da competencia de cooperación, non a delegarei en ninguén. Se nós estamos aquí é para atender as necesidades dos 92 concellos de menos de 20.000 habitantes que temos nesta provincia, poñendo a súa disposición todos os recursos económicos, medios material e persoal técnico aos que na práctica totalidade dos casos non teñen acceso”. E avanzaba que tamén se establecerá un “diálogo cos máximos representantes da capital da provincia para fixar liñas de colaboración e proxectos estratéxicos que beneficien tanto á cidade como ao resto da provincia”.

Luis Menor referíase deseguido á importancia da colaboración institucional, avanzando que vai chamar “a todas as portas das administracións e visitalas para traballar en coordinación, sen duplicidades, optimizando recursos e procurando axudas mesmo de Europa para os proxectos que acordemos entre a Deputación e os concellos e esixindo que se cumpran os compromisos adquiridos con esta provincia, sexa coa administración que sexa”.

Do mesmo xeito, anunciaba que visitará aos alcaldes en cada un dos seus concellos “para coñecer de primeira man as súas necesidades, dende logo terei a inmensa honra de ter o despacho máis grande do mundo, 7.273 km2”.

Menor concluía dicindo que neste luns 17 de xullo se inicia unha “etapa na Deputación con cambios e con estilo propio, como fixen sempre alí onde estiven e como fixeron tamén os meus antecesores. Hoxe comeza un novo reto, pero non quero esquecerme doutra importante responsabilidade que asumín como alcalde do concello, do Pereiro de Aguiar, conlevar ambas responsabilidades será un esforzo a maiores, pero quizais non será tan difícil do marabilloso equipo de persoas que me veñen acompañando, e tamén aquí na Deputación vou contar cun grupo de goberno que asumirá eses eixos de actuación e tamén co equipo da Deputación”. Finalmente, agradecía o “inmenso sacrificio que esta nova etapa persoal e política supón para a persoa que mellor me coñece e máis apoio me ten ofrecido, a miña muller, como tamén terei aquí e na distancia a compresión dos meus fillos Víctor e Ana. Grazas pola oportunidade que se me brinda e espero non fallar”.

Este pleno contaba coa asistencia de numerosas autoridades, entre elas o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button