SanidadeÚltima hora

Adolfo Ricardo García imparte un relatorio sobre Leishmaniose Canina en Ourense

A ponencia desenvolveuse no Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense e o veterinario fixo un retrato xeral da enfermidade e da súa prevalencia na nosa comunidade

O veterinario leonés, afincado en Valdeorras, Adolfo Ricardo García, impartiu hoxe, 4 de outubro, un relatorio titulado “Leishmaniose Canina: Una Zoonosis emerxente en Galicia”, no Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense. García estivo presentado polo presidente do Colexio Oficial, Juan José Gómez. E a esta ponencia acudiron personalidades de relevancia en Ourense como o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; ou a xefa territorial de Sanidade en Ourense, María Villar, entre outros.

Este especialista veu a relatar os pormenores desta enfermidade parasitaria “que afecta especialmente aos cans”. O porque dos cans vén dado xa que, segundo contou, este mal transmítese a través “dun insecto voador” que sente especial predilección por estes mamíferos.

Adolfo García aclarou que o insecto que transmite esta enfermidade parasitaria “non é un mosquito, como moitos pensan” e explicou que é “a femia do insecto” a que a transmite xa que é a que se alimenta da sangue para logo poñer os ovos. Tamén desmitificou que fose na auga ou en zonas de humidade onde crecen estes insectos.

En canto aos síntomas que presenta o can “seropositivo”, o veterinario aseverou que durante a incubación, “que é un proceso lento”, a enfermidade aparece asintomática pero que logo, “se non se colle a tempo”, asegurou, “o can morrerá de disfunción renal”, xa que esta enfermidade ataca principalmente aos riles.

No eido da prevalencia desta enfermidade, Adolfo García dividiu a península en tres zonas: a primeira a zona norte e da cornixa cantábrica, onde a incidencia é baixa. A segunda zona, centro oeste (as dúas Castelas e Madrid), hai unha prevalencia moderada e, finalmente, a terceira zona que é a do Mediterráneo, onde a prevalencia é alta. En canto a Galicia, este experto asegurou que, a pesares de non estar nunha zona de alta prevalencia, “non se pode ignorar que a enfermidade existe e que está presente”. En concreto, argumentou que hai varias publicacións nas que “os datos son dispares”, en concreto, asegurou, “hai algunhas que falan do 36% e outras do 2%, dependendo a poboación que abrangue o estudo”.

Con todo, deu unhas pequenas indicacións para evitar esta enfermidade xa que asegurou “que non é doado loitar contra ela”. Entre esas indicacións están, por exemplo, está o control do insecto voador que a transmite así como establecer un control sobre as mascotas para, “se non podemos eliminala por completo, poder convivir con ela”, dixo, asegurando que “é unha enfermidade parasitaria en expansión e pódese considerar como un problema de saúde pública”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button