ConcellosÚltima hora

“Aínda que visiten a nosa edición dixital, os lectores do Periódico O SIL seguen demandando o papel”

Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL, participaba na xornada sobre medios escritos en galego en papel organizada polo Consello da Cultura Galega en Santiago

 

Entre os relatores da xornada “Realidade e perspectivas dos medios de comunicación en galego en soporte papel”, organizada o 10 de outubro polo Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago, estaba o director do Periódico O SIL, Carlos G. Hervella, quen abordaba a experiencia deste medio que cobre informativamente as comarcas da provincia de Ourense e do sur de Lugo.

En concreto, Carlos G. Hervella participaba na mesa redonda sobre experiencias de medios impresos escritos en galego: “os existentes antes do 2000 e os que foron aparecendo nos últimos anos. Permanencia e novos proxectos. O papel dos medios locais en relación coa supervivencia do papel”, moderada polo xornalista Xan Carballa.

Nela amosábase a experiencia e realidade de cinco proxectos xornalísticos en papel en galego. Nela participaban María Obelleira, directora de Nós Diario; Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL; Diego Elías García Puente, director de Terracháxa; Fernando de Paz, xerente de Tempos Novos; e Guillermo Rodríguez, director do Foro A Peneira.

 

 

Carlos G. Hervella comentaba que o Periódico O SIL ano 2000 apareceu por vez primeira en outubro de 1996 e, dende entón, está saíndo á rúa cunha periodicidade mensual “grazas ao labor profesional, gran esforzo e interese que depositan en cada número o equipo de persoas que a elaboran. Isto faise tamén posible pola fidelidade e apoio que día a día amosan os nosos lectores, así como polo respaldo dos nosos anunciantes e subscritores”. Ademais edita actualmente outras tres publicacións diferentes: O SIL Deportivo e Entroido en Galicia, estas dúas tamén en formato papel; e o periódico dixital www.osil.info.

“Tanto o Periódico O SIL como O SIL Deportivo, teñen unha serie de lectores que nos demandan papel, e aínda que lean e visiten a edición dixital, pídennos que esas informacións publicadas aí se trasladen tamén á edición mensual en papel. Moitos deles teñen unha media de idade superior aos 40 anos, pero tamén hai xente nova con inquedanzas culturais que demanda papel”, comenta o director de O SIL. Tamén se refería aos subscritores e aos anunciantes como principais fontes do mantemento deste medio.

 

 

Así mesmo aludía á “permanencia do papel e o seu valor ao poder manterse nas hemerotecas galegas e estatais, para que este traballo quede arquivado e poida ser consultado agora mesmo ou no futuro. Os exemplares en papel do Periódico O SIL, e supoño que do resto de medios en papel, que están en lugares públicos como a hostalaría, establecementos de turismo, servizos profesionais, etc. chegan a moita xente que pasa por eses lugares e que non merca prensa, deste xeito, estase contribuíndo a fomentar a cultura da prensa e da lectura”.

Finalmente, Carlos García indicaba que, “xunto co seu labor no eido da comunicación e da información, o Periódico O Sil ten desenvolvido nas comarcas da provincia de Ourense e do sur de Lugo diversos proxectos de tipo literario, cultural, deportivo ou turístico, entre outros”.

Fotos: A.R.
Vídeos: Alba Prada.

Artigos relacionados

Back to top button