A imaxe do cartel (Cristo dos Ferroviarios), a restauración de varias imaxes (a “Borriquilla” e a “Verónica) e o pregón que este ano correrá a cargo dunha muller, son as principais novidades do programa de Semana Santa no Barco e que o párroco, Jesús Álvarez Álvarez presentaba na mañá deste luns 26 de febreiro.
Sobre un fondo púrpura (a cor do manto do Nazareno) no cartel deste ano destaca a imaxe do Cristo dos Ferroviarios que será restaurada de cara ao ano que vén. “Quixemos facer un pouco de memoria, como as empresas eran un pouco os patrocinadores dos cultos e con esta imaxe queremos facer unha pequena homenaxe aos ferroviarios, eses traballadores que tiñan o carro gardado en Renfe ata agora que xa o ten a parroquia, e de paso lanzar unha reivindicación sobre o abandono deste tramo por parte da empresa”, explica Jesús Álvarez.
Con respecto á programación arrancará un ano máis o vernes de Dor, 22 de marzo coa misa cantada polo Orfeón Valdeorrés ás 19 horas na igrexa de San Mauro; e rematará o Domingo de Pascua, 31 de marzo coa procesión e misa da Resurrección do Señor a partir das 12 horas na praza do Principe.
E entre medias unha semana de actos e procesións que se abrirá oficialmente o sábado 23 de marzo co Pregón se Semana Santa ás 19 horas que este ano correrá a cargo dunha muller. “Non sempre teñen que ser homes e este ano será Gelines Sanabria Meléndez, profesora moitos anos, membrio do Orfeón Valdeorrés e unha barquense namorda desta terra á que lle pedín que fixera un pregón dende o corazón e dende a memoria porque ten vivido moitas Semanas Santas”, adiantou o párroco, asegurando que é un”guiño ás mulleres”.
Nesta Semana Santa do Barco destacan tamén os actos do Domingo de Ramos (24 de marzo) coa procesión da “Borriquilla” recén restaurada acompañada polos pasos infantís e a agrupación La Pasión de Ponferrada; a procesión do Santo Cristo da Paz (luns 25 de marzo) que este ano irá a compañado pola Virxe da Esperanza; e as tres procesións do Venres Santo: do Encontro, do Santo Enterro e da Soidade ou caracois na vila do Castro.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.