CulturaCulturaÚltima hora

As Bonitas de Sande, a única mascarada ourensá no Festival da Máscara Ibérica en Lisboa

Tamén acudía ao evento a Banda de Gaitas de Xinzo de Limia, o pasado 28 de agosto

As Bonitas de Sande (Cartelle), nunha imaxe tomada no Entroido./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As Bonitas, protagonistas do Entroido de Sande, no municipio de Cartelle, participarán na versión reducida do Festival Internacional da Mascára Ibérica (FIMI) que se está a desenvolver en Lisboa no marco de “Lisboa na Rúa”, as festas da cidade. Este ano, e tras o parón do 2020 debido á pandemia, a axenda habitual de actos do festival mudouse co fin de controlar os espazos e as entradas. Así, en vez do tradicional desfile, os grupos participantes, repartidos en diferentes datas, visitarán espazos senlleiros da capital lisboeta co aforo controlado para garantir a seguridade de participantes e público.

Será o sábado, día 4 de setembro, cando un grupo das Bonitas de Sande acompañadas polo Oso e a Vaca, as outras figuras protagonistas do Entroido de Sande, visiten o Museo da Marioneta situado no edificio do Convento das Bernardas. Alí amosaran ao público asistente a súa vestimenta tradicional na que destaca a máscara feita con fino arame, ademais do gorro feito en madeira no que sobresaen catro picos recubertos de plumas de aves.

As Bonitas de Sande serán as únicas máscaras participantes da provincia de Ourense. A outra representante ourensá no evento foi a Banda de Gaitas de XInzo de Limia, o pasado día 28 de agosto. Dende Galicia tamén pasou polo “Lisboa na Rua” os entroidos de Samede, A Coruña. Este próximo dia 4 de setembro o de Cobres, Pontevedra, será compañeiro do Entroido de Sande.

Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI)

Dende o 2006 Lisboa celebra cada ano o Festival Internacional da Máscara Ibérica, un evento de ámbito ibérico e internacional. No decurso das súas edicións, grupos de máscaras chegadas dende diferentes puntos de España e Portugal desfilan polas rúas de Lisboa e, paralelamente, organízanse concertos, exposicións, tertulias, un concurso de fotografía, animación polas rúas… unha representación variada e diversa de toda a península iberica para poñer en valor a cultura tradicional na súa ampla riqueza artística e antropolóxica.

Por mor da pandemia, o evento non puido celebrarse no 2020, e, neste 2021 retoma a súa celebración cunha versión reducida de participantes, mudando o tradicional desfile coa visita dos grupos convidados a espazos senlleiros da capital portuguesa.

Artigos relacionados

Back to top button