
A cidadanía galega terá unha nova cita coas urnas o vindeiro 5 de abril. Nesta xornada celebranse as eleccións autonómicas, coincidindo así coas vascas. O anuncio vén de facelo esta tarde de 10 de febreiro o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, tras a celebración dunha reunión extraordinaria do Consello da Xunta.
“Quero comunicarlles que, tal e como recolle a lexislación autonómica para as competencias exclusivas do presidente da Xunta… veño de reunir ao goberno de Galicia para informarlles de que hoxe mesmo asinarei o decreto de convocatoria de eleccións autonómicas”, dicía Núñez Feijóo ao anuncio da súa intervención.
Unha convocatoria electoral que coincide coa das eleccións vascas. “Como en 2009, en 2012 e en 2016 (e como era previsible que sucedese) as eleccións autonómicas de Galicia en 2020 será ao tempo que no País Vasco. Todos os galegos quedan convocados para votar o 5 de abril e para que elixan ao Parlamento de Galicia e del sairá o presidente da Xunta e, posteriomente, o goberno de Galicia”, engadía o presidente galego.
Feijóo considera que “Galicia achega responsabilidade, seriedade e estabilidade ao conxunto de España, sexan cales sexan as circunstancias que se viven no conxunto da nación, nós levamos achegando estabilidade e seguridade á mesma. Isto intentámolo facer cada día da lexislatura desde o principio ata o último día que comezou en setembro de 2016. Estes principios e obxectivos, por coherencia, inspiran a decisión sobre a data das eleccións”.
As reaccións
PSdeG-PSOE
Ás reaccións a este anuncio non se facían esperar. Así o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, aseguraba que a confirmación de que as eleccións galegas coincidirán coas vascas é a confirmación de que “Euskadi marca a axenda de Feijóo, que amosa que non ten palabra despois de dicir que “non había motivos” para adiantar os comicios”.
Ademais, o candidato socialista á presidencia da Xunta atribuíu a decisión de Feijóo de chamar ás urnas o 5 de abril a que “ten un proxecto agónico, que só dá prroblemas. Está admitindo que Galicia non pode soportar a agonía dun goberno sumido na inacción e na apatía”, dicía.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero asegurou que “nós estamos preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita”. “Imos falar coa Galicia real: a que sofre as consecuencias dos recortes de Feijóo nos servizos públicos e a que padece a falta de oportunidades que nos deixa en Galicia”, concluíu.
BNG
Dende o BNG, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, destacou que a formación nacionalista está preparada porque xa tivo en conta a posibilidade dunhas eleccións anticipadas. “Como dixemos ao longo destes días, canto antes mellor, porque sen dúbida o 5 de abril os galegos van poñer fin a década de desfeita dun Feixóo que deixa unha Galiza peor da que atopou, convencidos no Bloque de que van aproveitar as urnas para abrir un tempo novo que o BNG aspira a liderar, porque temos un proxecto sólido a favor do país e un liderado claro coa candidata de Ana Pontón”, resaltou Rodil.
O BNG, concluía, “ten os deberes feitos”, -reiterou-, e ve as eleccións como unha oportunidade de pechar o “década negra” do Goberno Feixóo, -esgotado e fracasado-, e abrir un tempo novo “que aspiramos a liderar porque temos un proxecto capaz de mellorar a vida das persoas e temos a Ana Pontón encabezando ese proxecto como líder máis valorada”.
En Marea
Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, a lexislatura “remata cun presidente da Xunta deixando que os demais lle marquen o paso, xusto como fixo todo o resto da lexislatura”. Nese senso engadía que “tivo que ser o Partido Nacionalista Vasco quen decidise a data das eleccións en Galicia sen que o presidente fixese uso da soberanía dos galegos”. Esta decisión de Feijóo de adiantar as eleccións xunto coa vascas explica moi ben “a dinámica da política o presidente da Xunta, condicionado sempre por dinámicas externas”.
Luís Villares considera que está moi claro que está chegando un tempo de cambio a Galicia. “Onte vimos como a cidadanía de Galicia saíu a derrotar na rúa a política sanitaria de Feijóo, rexeitando frontalmente os recortes e as políticas de privatización da sanidade pública”. Villares sinalou que En Marea “celebra que a cidadanía teña a palabra para facer nas eleccións o mesmo que fixo na rúa e abrir o vindeiro 5 de abril unha primavera para a cidadanía galega”.