En portadaGalerías de fotos

As mascaradas ourensás conquistan Lisboa

Da trintena de grupos participantes no X Desfile Internacional da Máscara Ibérca, sete eran de Galicia

O son, o colorido e o intenso ritmo dos Entroidos ourensáns envolvían o centro de Lisboa na tarde do 9 de maio. Ata seis mascaradas da provincia tomaban parte na décima edición do desfile do X Festival Internacional da Máscara Ibérica, que partía pasadas as catro e media da praça do Municipio.

Os primeiros galegos en encher de son e ritualidade as rúas lisboetas eran as Mázcaras e o Fulión de Manzaneda, despois podía verse aos Troteiros de Bande, as Bonitas de Sande (Cartelle), ao Folión e aos Boteiros de Vilariño de Conso, así como a multitude de Pantallas de Xinzo de Limia (precedidas pola banda de gaitas deste concello) e, xa pechando o desfile, aos Boteiros e ao Folión de viana do Bolo.

Ademais, por primeira vez tomaba parte neste evento internacional unha mascarada lucense. Tratábase dos Volantes de Santiago de Arriba (Chantada), por suposto acompañados polos Maragatos.

Neste mosaico de rituais había tamén outras tradicións españolas tanto de Entroido, como é o caso dos Sidros e a Comedia de Val de Soto (Asturias), os Toros e os Guirrios de Velilla de la Reina (León) ou o Carnaval de Villanueva de Valrojo (Zamora); como doutras celebracións de fondo arraigo, como é o caso do Corpus Christi, cos homes de musgo de Béjar (Salamanca).

Asemade eran numerosas as máscaras portuguesas, con presenza, por exemplo dos Caretos de Mira e dos de Podence, ou do Entrudo das Aldeias do Xisto (Coimbra).

Antes do desfile, tiña lugar o xantar oficinal do FIMI, que se desenvolvía no restaurante Sacramento do Chiado. O programa do X FIMI continuará no domingo 10 de maio.

Texto: A.R./ Lisboa
Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información e fotos na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button