EntrevistasÚltima hora

“Botarei de menos as miradas de enamoramento entre nais e criaturas acabadas de nacer, iso déixate sen fala”

A matrona María Elisa Lamelas "Peggy", vén de xubilarse tras catro décadas exercendo a súa profesión no Hospital de Valdeorras

María Elisa Lamelas, matrona durante 40 anos no Hospital de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

“A verdade é que eu non quería ser matrona”, revela María Elisa Lamelas “Peggy”, natural de Cacharrequille (Montederramo), que vén de xubilarse como matrona tras exercer durante máis de 40 anos a súa profesión no Hospital Comarcal de Valdeorras, no Barco. “Durante os estudos de enfermeira presenciei un parto, e teño que dicir que nel a atención por parte dos profesionais foi moi, moi desagradable, non esa non é a palabra, hoxendía falariamos de violencia obstétrica. Daquela provocou en min a decisión de non ser matrona, non, non sería matrona nunca, eu non quería terlle que berrar ás mulleres para que pariran. Traballar daquel xeito non me gustaba, así que cando rematara a formación de enfermeira soñaba con marchar a Suíza a especializarme en quirófano, e así de paso coñecía mundo, que me gusta moito viaxar”.

Pero, afortunadamente, Peggy mudaba pronto de idea grazas a unha persoa que se cruzaba na súa vida cando asinaba o seu primeiro contrato de enfermeira, na quinta planta de embarazo do Hospital de Ourense. “Alí traballaba unha matrona bastante maior ca min, e empeñouse en que eu tiña que ser matrona porque, segundo ela tiña cualidades. Todos os días me repetía :neniña tu tes que ser matrona. Hai que pesada… dicía eu. Tanto empeño puxo, que me inscribiu para o exame de acceso e acompañoume á porta para que entrara o día que se fixo. O caso é que non puiden zafarme, dábame vergoña contradicila, así que fixen o exame,  aprobeino e empezei a especialidade”, lembra.

Recoñece que empezou a estudar para ser matrona “sen interese especial, simplemente porque sería unha oportunidade de facer curriculum”, pero nada máis comezar a exercer namorouse por completo desta profesión. “Carai… o que son as situacións vividas, e con elas as persoas que as conforman… Empecei de matrona e, en poucos días de contacto coas embarazadas, coas mulleres de parto, cos recén nacidos estaba o que se di enganchada, aprendendo para poder acompañar aquelas situacións, e por certo, romper e pelexar contra o que eu vivenciara. Estaba claro que os profesionais de atención ao parto tiñan un papel ben diferente do que eu coñecera naquel desafortunado parto inicial”, resalta.

Con 24 anos entraba como enfermeira no Hospital Comarcal de Valdeorras en 1981 e non deixaba o centro ata a súa xubilación, hai unhas semanas. Son moitísimas as vivencias e anécdotas desta matrona neste centro sanitario. Desas catro décadas resalta o traballo en equipo, a aprendizaxe e colaboración de todos os compañeiros, “son tantas as persoas a mencionar que resultaría complicado mencionalas a todas a agora”. E destaca con satisfacción “nunca estiven angustiada por que me chegara o día da xubilación, nunca contei os anos nin os meses que me faltaban. Foi sen darme conta, chegou a idade dos 65 anos e voume porque é o momento, evidentemente os reflexos non son os mesmos que cando cheguei aquí con 24 anos”. Ademais, engade, “os meus principios tamén teñen o seu peso, hai moita xente nova que debe empezar o seu camiño igual que fixen eu”.

Tamén se vai, engade, “nun momento moi oportuno para non sentir a caída do Hospital de Valdeorras, un centro que vin medrar”. María Elisa Lamelas asegura que “sempre fun contenta ao meu traballo e por iso vou botar de menos aos compañeiros e compañeiras, emocióname moito cando falo disto. Na última garda que me fun despedindo da xente polo hospital, fun chorando”. Compañeiros que lle organizaban unha sentida e divertida cea-homenaxe o pasado 3 de xuño no Paladium (Vilamartín). “Foi moi emotiva e importantísima, supuxo para min un gran recoñecemento, paseino moi ben, divertinme moito con eles”, di esta matrona.

 

María Elisa Lamelas na cea-homenaxe que lle tributaban os seus compañeiros pola súa xubilación./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como lembra a súa chegada ao Hospital Comarcal de Valdeorras?

Cheguei a O Barco en decembro de 1981, foi sen propoñermo, non agardaba que me deran a praza aquí. Fixérase o primeiro parto en abril. Collín praza como enfermeira, traballei case un ano en laboratorio. Era o momento que había tanta xente afectada pola colza e faciamos a diario bastantes analíticas a esas persoas. Despois incorporeime á praza de matrona.

¿Como é o día a día dunha matrona nun hospital comarcal?

Facemos actividades moi diversas, igual estás no paritorio acompañando a unha parella no nacemento do bebé, como na planta con lactancia, acompañando a unha muller en ambulancia a Ourense por diferentes situacións nas que non se pode levar a cabo o parto nun comarcal, barallando datos dalgún estudo de investigación… Tamén tomando un café e falando con compañeir@s. Cada garda é diferente, nunca sabes o que vai acontecer. Traballar nun hospital comarcal permitiume o desenvolvemento de varias competencias de matrona que probablemente nun gran hospital non podería abordar simplemente por unha cuestión organizativa.

Tiven oportunidade de marchar de traslado pero sempre valorei moito o respecto e a autonomía nas miñas competencias, a maneira de acompañar ás mulleres que se levaba a cabo neste centro, as posibilidades de desenvolver diferentes programas para as mulleres, o equipo de profesionais do que formei parte durante mais de 40 anos, os compañeiros e compañeiras do centro cos que tanto compartín e como non, ter establecido a miña vida familiar e social en Valdeorras, así que, digamos que me asentei aquí.

En Valdeorras non hai matronas nos centros de saúde na primaria, polo tanto, as mulleres da nosa área non tiñan acceso a diferentes programas de atención á súa saúde. Dende sempre as matronas do hospital asumimos a responsabilidade de dar ese tipo de atención, sempre dende as nosas competencias, e pouco a pouco fomos poñendo en marcha programas como a UBOF (1987-90), educación maternal, apoio á lactación materna, a masaxe bebé, a atención á muller durante o climatario (2007), o solo pelviano…

En fin tratamos na medida do posible de solventar a falta de matronas en atención primaria. Tamén hai que recoñecer que grazas aos programas que temos montados contamos con 2 matronas a maiores das de partos. A posta en marcha e seguimento deles permitiume ter moita relación coas mulleres da comarca e coñecer moi de cerca as súas necesidades.

Acostuma asociarse ás matronas co parto e co embarazo, pero o seu labor vai moito máis alá.

É certo, encasillásenos na atención ao parto, pero a nosa formación abrangue o desenvolvemento da muller dende a adolescencia, dende a menarquia (a primeira regra) ata a fin de vida porque entre as abordaxes que podemos facer tamén está a menopausia. De feito como dícía antes aquí iniciouse un programa de atención á etapa do climaterio, na que se produce a menopausia e tivo moi bos resultados, entón esa é unha parcela importante.

Temos un papel tamén relevante na adolescencia, na prevención de embarazos, na prevención de enfermidade de transmisión sexual, na abordaxe dun tipo de sexualidade máis sana… A matrona, claro, debe estar antes do parto, na atención á muller que quere concibir, na preparación dese momento, na abordaxe de múltiples situacións que se poden dar para que esa concepción teña máis seguridade ou sexa máis propicia e que a muller a afronte nunhas axeitadas condicións de saúde tanto física como psíquica.

Nestas catro décadas viu nacer a moitísimos bebés…

A xente pregúntame cantos partos fixeches Peggy? cantos nenos trouxeches ao mundo? A miña resposta é ningún, os partos fixéronos as mulleres e foron elas as que trouxeron as crías ao mundo, eu o único que fixen foi acompañalas e apoialas no seu proceso, no seu traballo de parto, no nacemento dos seus fillos e fillas… E, en todo caso, velar polo seu benestar e seguridade. Claramente eu non trouxen ningún neno/a ao mundo, foron as súas nais.

De feito, quero agradecer a tantas mulleres que me permitiron acompañalas en momentos tan importantes das súas vidas e dicirlles, sinceramente, que son poderosas e moi valentes e que teñen que crelo! Non permitades que vos minusvaloren… A proximidade coas mulleres nun comarcal é moi valiosa tanto para a súa atención como para nós como profesionais.

 

María Elisa Lamelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Outra cuestión pola que ten apostado é a da formación en lactación materna, sendo ademais relatora en diversos cursos e mesmo organizou un congreso nacional de lactación materna, ¿que a levou a afondar na lactación?

Nos anos que fixen a especialidade non se nos formaba en lactación materna e cando empecei non tiña nin idea dela, fun aprendendo de cursos, libros, compañeiras, e sobre todo da experiencia coas mulleres… E irme metendo en todos os fregados relacionados coa lactación levoume a facer o curso de formación de formadores da IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e á Lactación). A partir de aí impliqueime en participar na formación, en lactación, con outros profesionais e formar parte do equipo de formación do Sergas-ACIS, tamén dar algún curso de IHAN.

En canto á organizació do X Congreso de LM da IHAN, sucedeu que no congreso de lactación do 2017 en Zaragoza dixeron que Galicia sería, a sede, o lugar no que se celebraría o do 2019. Nós brincamos de alegría, iso tería seu peso na promoción do aleitamento. Ter a fortuna de compartir a organización e desenvolvemento deste evento con xente marabillosa como o presidente dese congreso e a presidenta do comité científico. Que contaran comigo como presidenta da organización foi un dos maiores retos que me propuxeron en tantos anos de traballo, pero tamén un gran recoñecemento que recibín ao cabo de anos apoiando á lactación, toda unha aprendizaxe. Como experiencia supuxo moito traballo, constancia… pero coa gran satisfacción de compartilo cun gran equipo formado por mais, matronas, pediatras, xinecólogos, técnicos en coidados auxiliares de enfermería. O mérito dos resultados foi de todos/as.

Tamén formei parte da Comisión de Lactación Materna do Hospital de Ourense, Verín, O Barco, e entre as iniciativas máis improtantes nas que participei estivo a elaboración dunha guía de lactación materna para profesionais.

Unha parcela na que traballou tamén como matrona foi a da investigación, fáleme dela.

É unha parcela ás veces moi deixada de man por falta de tempo. Para min supuxo unha parte agradecidísima e supersatisfactoria poder levar a cabo estudos de investigación. Aquí no hospital promovimos nós varios relacionados coas taxas de lactación materna e tamén cos motivos de abandono da lactación materna, resultados que levamos a varios congresos estatais, entre eles o de Ávila, o de Zaragoza, o de Santiago.

Tamén participamos nun estudo que se fixo a nivel galego sobre moxibustión, aplicando unha moxa de calor que favorece voltear os bebés que está de nádegas, esta é unha técnica que aplican moitísimo en oriente as propias familias nas súas casas. Entón, en colaboración coa Asociación Galega de Matrona, en Galicia levouse a cabo un estudo no que nós como hospital tamén participamos. Os resultados non foron tan bos como os que teñen en oriente porque teñen outra práctica e é un tema tamén cultural. Participamos tamén como hospital noutro traballo chamado Midconbirth sobre a atención ao parto.

E, como broche, publicáronnos un estudo sobre “Mitos e realidades da lactación materna” que levamos a cabo no Hospital Comarcal de Valdeorras durante uns anos. Hai que dicir que realizar investigación é un traballo moi minucioso, moi constante, que come moito tempo e require moitas ganas. Sería imposible levalos a cabo aquí sen a contribución e a colaboración de todo o equipo de partos, de consulta de embarzo e de todos os profesionais, xinecólogos, enfermeiras, auxiliares, matronas… E iso foi unha gran satisfacción

¿Quédalle algunha espiniña cravada, algo pendente de ter logrado na súa traxectoria?

Durante anos, no Hospital Comarcal Valdeorras puxemos empeño en dar os pasos de cara a un hospital amigo dos nenos, hospital IHAN, hospitais que adopten as prácticas que protexan, promovan e apoien a lactación materna desde o nacemento. Trátase de estimular/animar aos profesionais na implantación das recomendacións de OMS-UNICEF recollidas en 10 pasos. É un modelo de coidados baseados na evidencia científica, que demostrou aumentar as tasas de lactancia e mellorar a saúde materno infantil. Cada día son mais os hospitais e centros de saúde que tratan de aplicar medidas para acreditarse como tales. Teño que dicir que, a pesares das propostas feitas en varias ocasións a diferentes xerencias da área Ourense, Verín e O Barco, non nos respaldaron para iniciar e lograr un estándar de calidade, porque, iso sería o que significaría logralo.

Tamén queda pendente unha reflexión como profesionais da atención ao embarazo, parto e crianza , dende a calma, sobor da violencia obstétrica propiciar o achegamento entre profesionais e mulleres para o entendemento nas diferentes opcións que plantexan as familias. E logo a formación de profesionais para apoiar a lactación materna, hai que ter moito respecto ás decisión das nais, propiciar que as decisións sexan informadas, axudar ás nais e á familia dende a escoita, empatía… E non impoñer un patrón de alimentación para as criaturas. Penso que falta apoio da administración para a formación, falta que se dean cursos en horario laborable, e tamén falta que contemos con tempo para adicárllelo ás mulleres, a maioría das veces traballamos con falta de tempo e a lactación non quere presas, require calma.

Carécese no hospital dun espazo que ofrecer ás mulleres onde poidan ter un ambiente similar ao da casa o que se ben chamando “sala de parto natural”, un espazo amplo, onde a muller poida moverse con libertade, dispor de bañeira por se decide empregala como método de alivio á dor. O servizo de partos, cos diferentes cambios na estrutura hospitalaria, cada vez foi mermando máis o espazo do que dispoñíamos os primeiros anos.

Moi ao meu pesar sigo intuíndo/observando violencia de xénero sobre ás mulleres en moitas ocasións, pero desafortunadamente, seguen agochadas, elas non a perciben así e polo tanto nin buscan axuda, nin se deixan axudar. Como matronas podemos abrir unha porta de axuda importante.

E na atención e abordaxe das perdas perinatais, aínda que se deron pasos na atención, falta moito por andar no acompañamento ás mulleres e familias nestas situacións. Teriamos que falar de conciliación, de protección da lactacion, de saúde laboral no embarazo, de matronas na atención primaria…

Pero teño que dicir que as expectativas parécenme esperanzadoras, cóntase con matronas ben formadas, revolucionarias, con ganas de cambiar a atención ás mulleres nas diferentes etapas da vida. Eu diríalles que moito ánimo, non é facil mover estructuras e  plantexamentos anquilosados… pero pódese lograr!

E o certo é que nestas décadas téñense producido grandes cambios…

Si, tiven a sorte de asistir e participar en grandes cambios na atención embarazos e nacementos máis respectuosos, menos medicalizados, importante redución do intervencionismo, fomento do empoderamento das mulleres para que elas sexan as verdadeiras protagonistas, respectar a non separación nai e criatura, iniciar o contacto pel con pel nada máis nacer…

Tamén o fomento da participación das parellas, vin como os homes se foron implicando máis e máis no acompañamento durante o embarazo, parto e na crianza, o seu papel actualmente é ben diferente. E logo está o papel importante que xogan os grupos de apoio á lactación e crianza, aquí De Nai a Nai, son piares importantes no acompañamento e resolución de dificultades das nais en períodos tan vulnerables como o puerperio.

En cambio, nestes anos perdeuse a destreza da atención ao parto de nádegas por vía vaxinal, e no Barco atendimos partos dese tipo.

Na súa etapa profesional no hospital valdeorrés tamén formou parte da Xunta de Persoal.

Si, arredor de 16 anos, nos primeiros anos de desenvolvemento do HCV, nos que se levaron a cabo moitas reivindicacións e moitos logros, por certo. Participei en múltiples loitas na defensa da sanidade pública, e dos dereitos de traballadoras e traballadores no centro e na comarca. Eu xa andaba por aquí na folga da pizarra que durou un mes. Houbo momentos de tensións, de reproches, de acaloramentos, de incomodidades… pero a lectura final foi moi positiva.

Agora inicia unha nova etapa, ¿que botará de menos?

Botarei de menos as miradas de enamoramento entre nais e criaturas acabadas de nacer porque eso é algo que te deixa sen fala e que só se o ves sabes o que é. Botarei de menos os sorrisas, agradecementos, o recoñecemento de tantas e tantas mulleres, familias que fixeron que me sentira orgullosa como matrona pero sobre todo como persoa.

Botarei de menos as “resacas” de saída de garda: cansanzo, excitación, torpeza, modorra, corpo baldado… E as sestas reparadoras de auténtico pracer tras as gardas, no sofá despois de xantar. Botarei de menos aos compañeiros e compañeiras cos que compartín tantas situacións: risas, apuros, tristuras, alegrías… durante tantos anos.

A min gústame moito viaxar e a vida é unha grande viaxe. Ás veces, sen saber como aparecen na túa vida persoas que te animan a subir a un tren que te leva a descubrir outros mundos. Os que compartiron comigo sabores e sen sabores foron parte importante da miña viaxe profesional e tamén persoal. Teño claro que, todo isto fixo e fai que eu sexa quen son e poida dicir que marcho contenta e satisfeita, mellor dito, empoderada (risas).

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button