OurenseÚltima hora

A CHMS traballa na erradicación dunha planta invasora no Barbaña

Os traballos levaraos a cabo unha brigada de xeito manual e prevén retirar un total de 50 metros cúbicos desta especie procedente de Suramérica

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) está a levar a cabo traballos de retirada dunha planta invasora no río Barbaña, en Ourense. Segundo comentou hoxe, 8 de novembro, o presidente do organismo de conca, Francisco Marín, explicou que esta planta “é unha especie invasora que se trouxo á Península no século XIX procedente de Suramérica” o presidente asegurou que a complicación que ten esta especie é “que ten rizomas moi fortes, coma os fentos, e é moi difícil de erradicar, por iso xa o ano pasado fixemos esta actuación e a volvemos repetir este ano”.

Durante dous meses, unha brigada vai estar traballando aguas arriba do río Barbaña para eliminar esta especie invasora. Segundo os datos achegados por Francisco Marín, espérase que se recollan un total de 50 metros cúbicos de plantas “que logo serán depositadas nun xestor de residuos perigosos municipal”. Marín asegurou que a perigosidade desta planta é a invasión, non é que sexa contaminante.

En canto ao proceso de retirada desta especie, os operarios farano manualmente e meteran as plantas en sacos. Asemade, explicou Francisco Marín, “instalan barreiras protectoras durante a recolleita para evitar que os restos vexetais vaian aguas abaixo e poidan propagarse polo Miño”.

Dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil reiteran que estas actuacións foron demandadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, xa que esta planta invasora “o que fai é prexudicar ao desenvolvemento das especies autóctonas”, aseverou Francisco Marín.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button