O Castrillón (Larouco) é un castro se que caracteriza polas súas condicións de inaccesibilidade, de defensa e protección. E, ata agora, nunca fora obxecto dunha intervención arqueolóxica. Dende primeiros de outubro o equipo de Xeitura S.Coop.Gal está a traballar nun proxecto de posta en valor deste interesante xacemento cunha duración de 2 meses. A iniciativa partía do Concello de Larouco e está promovida pola Consellería de Cultura, en concreto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no marco do Xacobeo 2021. “Pretendemos levar adiante un proxecto de limpeza, de conservación, de posta en valor e de investigación deste importante xacemento”, conta o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez.
O proxecto iniciábase a semana pasada co que sería a primeira fase da intervención, con traballos de limpeza, roza e desbroce. “Nunca tivo ningún tipo de actuación arqueolóxica e tiña un manto vexetal bastante potente”, comenta o arqueólogo.
A segunda fase centrarase na investigación arqueolóxica e incluirá dúas sondaxes en diferentes zonas para intentar datar o xacemento. “A día de hoxe está catalogado como un posible poboado da Idade do Ferro, tamén con posibilidade de pervivencia en períodos posteriores, tanto na romanización como xa no baixo Imperio romano ou na alta Idade Media. Non o sabemos, si é certo que a día de hoxe a información do xacemento é máis que limitada. O único que podemos asegurar é que o espazo foi escollido primando as condicións de inaccesibilidade, digamos estratéxicas e de protección, fronte a outras características, como se pode comprobar na propia disposición do xacemento”, indica Martiño Xosé Vázquez. Tamén se prevé realizar un voo dron para opter un levantamento en 3D do lugar, obtendo deste xento un rexistro máis fidedigno do mesmo.
O Castrillón ten entre 1,5 e 2 hectáreas, aproximadamente, cunha superficie habitable que “non superaría o 20 ou o 30% tendo en conta as altas pendentes que hai no seu interior”, segundo o equipo de Xeitura, que engaden que está “rodeado por todas partes (ao sur, leste e oeste) por unhas pendentes superiores ao 30%, nalgúns puntos incluso directamente candís verticais que fan que a accesibilidade ao xacemento sexa única pola vía norte”.
A terceira fase da intervención será a instalación dun panel interpretativo como primeiro paso para a súa posta en valor. Deste xeito as persoas que visiten o lugar poderán ter información sobre o xacemento e poder interpretalo. Ademais, Xeitura prevé na primavera, “cando as condicións sanitarias o permitan”, poder realizar unha visita guiada ao Castrillón para facer unha posta en común cos veciños da información reunida durante esta intervención arqueolóxica.
Imaxes cedidas por Xeitura S.Coop.Gal.