CulturaCulturaÚltima hora

Con “Silêncio absoluto” Silvia Calvo e Carlos Puga poñen en marcha o seu proxecto expositivo en Chandrexa de Queixa

Esta parella de coruñesa e vigués mercaba hai 4 anos unha casa no Candedo coa intención de iniciar un proxecto de vida. "Queremos vivir a aldea e facer vivir á aldea", din

 

Coa exposición fotográfica titulada “Silêncio absoluto”, de Paula F. Bañuelos, cobraba vida o 17 de decembro a “parede expositiva Casa González”, unha iniciativa persoal promovida por Silvia Calvo Marta e Carlos Puga Gómez coa “xenerosa colaboración de Cristina e Cándido, donos de Casa González en Celeiros (Chandrexa de Queixa). Trátase do primeiro paso dun proxecto persoal que comezaba hai catro anos cando decidían mercar unhas “ruínas na aldea do Candedo, reconstruímolas e fixemos a nosa casa”, contan esta bióloga coruñesa e este fotógrafo vigués.

“A esta parede expositiva interésanos traer unha mirada persoal dos autores, do que lles move e conmove, así como achegar esta maneira de mirar ao lugar onde vivimos agora. A idea é organizar o calendario de exposicións distribuído de maneira máis ou menos equitativa ao longo do ano, de modo que cada catro meses renovaremos a parede expositiva”, explica esta parella.

A creadora que inaugura esta iniciativa, a viguesa Paula F. Bañuelos, é ensinante e estudosa da Historia da Arte, expresa a través dá fotografía unha poética ao redor do temporal captada cunha certa tensión compositiva. “A fotografía sorpréndeme, percíboa e a fago miña, non estou ao axexo, deixo que pase diante dous ollos, que me deixe mirala nun intre non que se dá unha coincidencia pasaxeira. *É unha acción fugaz, como ou tempo a pasar”, asegura.

 

Silvia Calvo na presentación da exposición xunto a Carlos Puga.

 

A inauguración contaba coa asistencia de xente chegada desde Vigo, Pontevedra, A Coruña, Valladolid e veciños da zona de Queixa. “Silêncio absoluto” poderase visitar na parede expositiva Casa González (rúa do Puleiro, nº6)  ata o 16 de abril. “O silencio é a ausencia absoluta de son, tamén significa abstención de falar; mais que non haxa son algún non sempre quere dicir que non haxa comunicación. Dise que a fotografía é a forma do silencio”, engade Bañuelos.

Un proxecto de vida

Con esta mostra comezaba a cobrar forma a parte cultural do proxecto de vida que esta parella dedicía poñer en marcha en Chandrexa hai catro anos e que se atopaba con graves dificultades, pero tamén coa axuda da veciñanza. Tras reconstruír a casa que mercaban no Candedo, a un mes de irse a vivir nela resultaba totalmente destruída por un incendio. “Na actualidade estamos a empezar a reconstruíla de novo, pero xa vivimos na aldea nunha casa que nos prestaron. En total, agora somos 9 veciños vivindo todo o ano na aldea. Antes de chegar á aldea do Candedo vivimos durante cinco anos nunha autocaravana, nun pobo da costa e foi entón cando empezamos a expor como iriamos elaborando o noso proxecto de vida”, explican,

Os intereses, sobre os que pretenden desenvolver os seus proxectos, “van encamiñados cara á recuperación e mantemento de vínculos coa natureza, traballar coas tradicións e con distintas disciplinas artísticas principalmente coa fotografía, tentando establecer un proxecto conxunto que integre todos estes distintos aspectos. Queremos vivir a aldea e facer vivir á aldea. Hai anos lonxe de aquí creamos “coleccionista de sementes”, como lugar conceptual, onde elaborar ideas e proxectos”, comentan.

 

Silvia Calvo, Carlos Puga e Paula F. Bañuelos.

 

Un primeiro proxecto foi a publicación do libro de fotografía de Silvia Calvo titulado “palabras”. “Queremos darlle continuidade a esta idea e tentar, aos poucos, ir sacando adiante todas as propostas que temos en mente, todas elas enmarcadas dentro deste “coleccionista de sementes”. E parécenos especialmente importante poder desenvolver todo este proceso neste lugar que eliximos para vivir e consecuentemente un piar fundamental é ter rematada a nosa casa e convertela no núcleo desde o cal se irán vertebrando todas estas actividades e propostas”, engaden.

Tras o incendio que queimaba a súa casa en febreiro de 2022, “e como xa non podiamos (nin debiamos) esperar máis, decidimos darlle saída a este primeiro proxecto”, a citada exposición “Silêncio abierto”. Esta parella considera que “hai unha necesidade actual de enriquecer e enriquecernos a partir do lugar que eliximos para vivir. Entendemos como este intercambio que a cultura que traian os nosos invitados chegados doutros lugares sexa coñecida polos nosos veciños e que á inversa os nosos veciños acheguen aos nosos convidados a cultura de aquí coa súa paisaxe”.

Fotos cedidas por Silvia Calvo e Carlos Puga.

Artigos relacionados

Back to top button