ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa aproba unha ordenanza para regular a ventilación e evacuación de fumes en edificios

A proposta foi aprobada por unanimidade polo Pleno municipal

Por unanimidade era aprobada a ordenanza municipal da ventilacion e evacuación de fumes en edificios e actividades do Concello da Rúa, presentada polo equipo de goberno na sesión plenaria celebrada na tarde do 8 de xaneiro. Segundo o texto que estivo a exposición pública, o novo regulamento municipal persigue “evitar a contaminación atmosférica e o prexuízo que ocasione ás persoas ou bens de calquera natureza”, e regulará todas as actividades, situacións e instalacións susceptibles de producir fumes, pos, gases, vapores e olores. Foi elaborado polo servizo técnico e cubrirá un baleiro á hora de conceder licenzas para instalar unha caldeira ou sacar os fumes a través das fachadas.

Tamén foi aprobada por unanimidade a modificación de ordenanzas (IBI, IAE; ICIO, taxas de servizos urbanísticos e apertura de establecementos) para poder adherirse ao convenio asinado pola Fegamp e a Xunta para a captación de empresas que poderán beneficiarse de bonificacións (do 50 % se xeran ata 10 postos de traballo, do 75 % para as que creen entre 10 e 20, e do 95 % para as que superen la vintena).

Outro punto no que estiveron dacordo o equipo de goberno e a oposición, foi a adhesión da Rúa á Asociación de Camiños de Inverno a Santiago creada en decembro en Ponferrada; pero non foi así coa moción do PSdeG-PESOE sobre a avespa velutina defendida polo propio alcalde da Rúa, Luis Fernández, que contou cos votos a favor do PSOE e do BNG e en contra do PP.

“A situación provocada nos últimos anos polo asentamento definitivo da avespa velutina en Galicia está a coller uns niveis alarmantes que afectan de xeito notable ás expectativas da fauna local, froitos e principalmente, da poboación de abellas melíferas”, explicou o alcalde, asegurando que “é un feito que estamos expostos a que se instale na nosa comarca nun prazo de dous ou tres anos, polo que hai que concienciarse do que é unha praga destas características”. Por iso, instan ao Goberno galego a “comezar o trampeo a tempo; afrontar o custe da compra de 50.000 trampas máis o atraínte necesario para que o mecanismo sexa efectivo; facer unha campaña informativa e divulgativa de como utilizar os medios para a erradicación deste insecto; establecer quen debe colocar as trampas para un trampeo masivo; dotar unha partida orzamentaria suficiente para afondar na investigación; establecer axudas directas para facerlle fronte aos danos; e a abrir a comisión de seguimento aos representantes do sector apícola”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button