Máis de 500 audios na Terra de Viana do Bolo, xunto con gravacións en zonas próximas como Terras das Frieiras e Vilariño de Conso, Valdeorras e mesmo nas Portelas zamoranas. Un material que, ademais de recoller, debullar e transcribir, a filóloga Concepción Álvarez Pousa analizaba lingüisticamente polo miúdo no decurso da súa tese de douramento “A Lingua da Terra de Viana do Bolo. Descrición dialectal e análise do cambio lingüístico”, dirixida por Francisco Fernández Rei.
Esta vasta e exhaustiva investigación recibía a cualificación de sobresaliente cum laude con mención internacional o pasado decembro. “Aínda que foi moi complicado compaxinala co meu traballo en todas as súas fases”, confesa esta investigadora e docente natural de Rubiais (Viana do Bolo), “o sacrificio pagou ben a pena polo que me enriqueceu. Estou moi satisfeita cos resultados acadados e con todo o que esta tese me deixa”.
.- Cando decidiu facer a tese de doutoramento, ¿xa tiña claro o tema?
Tíveno claro desde moito tempo atrás, desde que cursei a materia de Dialectoloxía da lingua galega na carreira de Filoloxía. Logo de coñecer a caracterización de todas as falas galegas, pensei que tiña que coñecer en profundidade a miña propia. Daquela, cando rematei os cursos de doutoramento presentei na Universidade de Vigo un traballo de investigación tutelado, denominado Consideracións sobre a fala do concello de Viana do Bolo (Descrición e textos), baixo a dirección do doutor Xosé Henrique Costas González, baseado no corpus oral de oito parroquias vianesas. Anos despois decidín ampliar esta primeira contribución, elaborar unha tese de doutoramento e levar a cabo esta investigación na Universidade de Santiago de Compostela.
.- ¿De que maneira ten influído ou guiado o seu traballo o legado de Laureano Prieto?
Laureano Prieto púxolle sona á Terra de Viana, cando esta terra era a gran descoñecida xeografica e polo tanto culturalmente, con todo, o seu legado a día de hoxe non foi recoñecido na Terra de Viana do Bolo. Amais de mestre e etnógrafo levou a cabo diversos labores cos que demostrou sempre a súa admiración pola comarca de Viana; cos seus Contos Vianeses (1958) deu a coñecer esta terra oriental e a súa tradición oral, ao tempo que foi pioneiro nos estudos do vianés con Notas encol da fala vianesa (1973). É precisa unha reedición dos Contos Vianeses e unha homenaxe para difundir a súa figura, por todo canto ofreceu sobre esta zona ourensá para o panorama da cultura galega, que ademais o fai merecedor dun día das Letras Galegas.
A miña tese, á parte de á miña nai, á memoria de meu pai e a meus irmáns, que son os que me transmitiron e ensinaron a fala vianesa, está dedicada á memoria de Laureano Prieto, cultivador do maior legado polo que se coñece esta terra do oriente ourensán. Realmente, como no caso del, pódese ser vianés nacendo en Carracedo da Serra (A Gudiña), posto que gran parte da súa traxectoria vital e cultural transcorreu en Viana.
.- Esta tese vén a achegar valiosa información e recolleitas da lingua da terra de Viana e, en definitiva do galego oriental, que non ten sido apenas investigado e traballado nas últimas décadas. ¿Cales eran os obxectivos principais do seu estudo e como foi o proceso de investigación?
O principal obxectivo da tese foi describir a lingua do concello ourensán de Viana do Bolo, variedade do galego oriental pertencente á microsubárea O Bolo-Viana, que se encadra na subárea Valdeorras-Viana da área oriental-central. Para este labor partín dun corpus oral moi amplo que me permitiu describir o vianés a través dos ámbitos da fonética, a morfosintaxe e o léxico, ao tempo que puiden concretar as peculiaridades dentro do bloque lingüístico oriental e afondar na relación coas variedades próximas zamoranas.
Así mesmo, estudei a variación e o cambio lingüístico en tempo aparente no concello de Viana ao analizar os discursos de tres xeracións de falantes en diversos puntos do municipio, coa finalidade de comprobar como a mudanza lingüística afecta na conservación da variedade, cales son as formas máis tendentes ao cambio e os posibles factores que influencian este fenómeno.
Alén disto, analicei o cambio en tempo real ao contrastar o conxunto do corpus da tese co material recollido en 1975 para o punto O.17 Viana do Bolo do Atlas Lingüístico Galego. Ademais, contrastei o meu material co das principais obras de Laureano Prieto sobre o vianés, co corpus oral recollido por min no meu primeiro traballo de investigación sobre a fala vianesa e tamén coas mostras recollidas no Arquivo do Galego Oral hai máis de dúas décadas. Todos estes factores permitíronme obter unha visión completa da evolución da lingua vianesa.
.- ¿En que lugares se realizaron as recolleitas e gravacións e con que criterios? Ademais de no municipio de Viana, tamén houbo achegas de informantes de zonas próximas, mesmo das pertencentes a terras zamoranas, ¿por que?
Realicei gravacións en 25 das 35 parroquias vianesas. Sería suficiente cunha mostra bastante inferior, pero dado que o concello de Viana do Bolo é o segundo municipio máis extenso da provincia de Ourense, quixen que estivesen representadas a maior parte das parroquias, ademais de que este feito permitiríame perfilar máis polo miúdo a caracterización lingüística.
Centreime en tres xeracións de falantes e realicei entrevistas en varios puntos dos concellos próximos da Gudiña e A Mezquita (As Frieiras); de Porto, Pías, Lubián e Hermisende (As Portelas); de Vilariño de Conso e Valdeorras coa finalidade de contrastar resultados e trazar unha mellor delimitación dos fenómenos lingüísticos.
No caso das Portelas (Zamora), é preciso sinalarmos, que as fronteiras administrativas non esgazan necesariamente coa realidade lingüística que se vive a un lado e outro dos territorios lindeiros, por máis que pertenzan a comunidades distintas. O que se produce nestas zonas próximas é un contínuum dialectal e tamén cultural, que as administracións competentes non poden deixar de ter en consideración; a fala vianesa comparte varias características co galego da área zamorana.
.- ¿Como valora a colaboración da xente, dos informantes?
Sen dúbida, a mellor parte da tese foi o contacto con todas as persoas informantes, as entrevistas realizadas, a súa colaboración e hospitalidade, tanto en Viana do Bolo, como nas Frieiras, nas Portelas, en Vilariño de Conso e Valdeorras, o que agradezo moito. Na miña memoria están tamén todas as persoas entrevistadas en diferentes lugares, que a día de hoxe xa non están aquí, pero que sempre estarán presentes pola súa universidade da vida. Teño que agradecerlle tamén ás persoas que cubriron os cuestionarios, o feito de que me facilitaran toda a información que pedía, a súa colaboración e a paciencia que tiveron.
Naturalmente, figuran nos agradecementos da miña tese, a súa contribución foi imprescindible en todos os puntos sinalados, xa que sen as súas achegas non sería posible a redacción desta investigación. Todos son autores entre liñas deste proxecto e están presentes en cada un dos artigos que redactei e viaxes que realicei a diferentes lugares para dar a coñecer a lingua da Terra de Viana do Bolo, das Frieiras e das Portelas.
Así mesmo, teño que agradecerlle á miña familia e a todas as miñas amizades o apoio recibido e naturalmente, ao meu director de tese, o doutor Francisco Fernández Rei as orientacións, que como máximo especialista en dialectoloxía, me achegou ao longo do proceso de doutoramento.
.- ¿Que singularidades destacarías no vianés tanto dende a perspectiva da fonética, como da morfosintaxe e o léxico?
O vianés é unha variedade moi rica dialectalmente e de máximo interese polo seu enclave lingüístico. O feito de traballar cun corpus oral moi amplo permitiume realizar unha caracterización detallada do vianés en todos os planos co que acheguei novos fenómenos lingüísticos non contemplados para esta microsubárea do Bolo-Viana, á que pertence a variedade vianesa.
A fala vianesa comparte características con outras variedades próximas e tamén coas variedades do galego zamorano tanto na fonética, como na morfosintaxe e o léxico. No caso do léxico hai moitas formas comúns con variedades próximas e co galego das Portelas (Zamora), do Bierzo occidental (León) e mesmo en varios casos coas variedades arcaicas do Val do Ellas (Cáceres).
.- ¿Que modificacións se aprecian na evolución desta variedade co tempo?
As linguas e calquera das variedades están en continua evolución porque precisan adaptarse ao contexto en que as persoas se desenvolven. En xeral, na xeración baixa e xeración media pérdense xa diversas características lingüísticas que son propias da xeración alta. Estes cambios danse tanto na fonética, como na morfosintaxe e o léxico.
No mantemento do vianés, como no doutras variedades tamén influíu o feito de que os costumes e a vida social foi mudando polo que, principalmente boa parte do léxico vianés xa é descoñecido pola xeración baixa de falantes. Deixaron de practicarse diversos oficios tradicionais, labores agrícolas e costumes, polo que as formas de ocio víronse alteradas coa consecuente perda lingüística, a substitución de formas e a incorporación doutras.
.- ¿Cales son as principais conclusións da súa investigación?
En xeral, o vianés segue as características lingüísticas do galego oriental e da área oriental-central recollidas no estudo de referencia das variedades diatópicas do galego, Dialectoloxía da lingua galega (Fernández Rei, 1990), unha obra ampla e exhaustiva sobre a caracterización dialectal das falas galegas e estremeiras. Este estudo está elaborado en base aos datos recollidos no Atlas Lingüístico Galego, para este proxecto os investigadores percorreron, entre 1974 e 1977, 152 puntos de Galicia e 15 das comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, co que mercé ao seu labor hoxe temos unha aproximación ás variedades xeográficas de todo o dominio lingüístico galego.
Porén, os atlas lingüísticos son só unha achega da realidade lingüística fronte a unha tese de doutoramento, que permite afondar sistematicamente na caracterización dialectal. Polo tanto, é esperable e lóxico que co paso do tempo algúns resultados se manteñan, outros difiran e aparezan bastantes outros novos.
No tocante á descrición da variedade vianesa, constatei os fenómenos lingüísticos contemplados para o galego oriental, a área oriental central e a subárea Valdeorras-Viana e a microsubárea O Bolo-Viana. Así mesmo, detallei novos fenómenos lingüísticos non contemplados nos diferentes planos, contrastei os resultados cos de variedades próximas, coas variedades estremeiras zamoranas e aludín aos trazos comúns co portugués. No referente ao cambio lingüístico e as variables, ao centrarme nas principais variantes propicias ao cambio lingüístico referenciei o seu uso na xeración baixa e xeración media, que son as máis vulnerables ao fenómeno do cambio lingüístico.
O estudo da lingua vianesa en xeral, ofreceume resultados moi interesantes no conxunto do municipio e permitiume comprobar e ampliar as primeiras características anotadas sobre a fala por Laureano Prieto hai máis de seis décadas e constatar a súa evolución.
.- A súa tese ten unha mención internacional, ¿que significa isto e que requisitos debe cumprir unha tese para tela?
Trátase dunha mención especial á que se pode optar no doutoramento, hai que cumprir catros requisitos principais: realizar unha estadía de investigación, mínimo tres meses, nunha universidade ou centro de investigación estranxeiros. Redactar unha parte específica da tese nunha lingua estranxeira e expoñela ante o tribunal. A tese, ademais, ten que ser informada por dous expertos doutores de dúas universidades exteriores e polo menos, un experto doutor dunha universidade estranxeira, distinto do responsable da estadía, ten que formar parte do tribunal. De cumprirse a totalidade de requisitos e outros trámites obtense esta mención, que ten validez a nivel nacional.
Texto: Ángeles Rodríguez
Fotos: Cedidas.