DeportesÚltima hora

Correr non é de covardes

Artigo de Pablo Fernández, atleta bolés da E.A. Pereiro de Aguiar Ben-Cho-Shey
O atleta Pablo Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

E quen manifeste o contrario é que non tivo nunca a ocasión de correr descalzo por unha praia á luz da lúa; nin experimentou a agradable sensación de que a bruma che acaricie a cara nun parque deserto nada máis amanecer, co ruido das túas pisadas como única compaña; e probablemente tampouco sentise o calor e o cariño dos teus seres queridos, quizais máis emocionados ca ti, nunha liña de meta de calquera carreira popular das moitas que, afortunadamente cada vez máis, se disputan cada fin de semana en calquera barrio ou cidade do noso país.

Se me piden que fale de atletismo, tería que comezar a tirar do fío por ahí… moito antes que de postos, de marcas, de técnica de carreira, ou de sistemas de adestramento.

Estaría ben falar tamén de compañeirismo, de amizade… podo afirmar, e non coa boca cativa, que os meus mellores amigos viñeron da man deste deporte, fraguándose no día a día dun grupo de adestramento, nos autobuses ou nos coches camiño das competicións, e tamén, por qué non dicilo, nas cañas de despois.
Podería parecer mentira, nun deporte a priori tan individual, no que tanto prima o esforzo e a capacidade de superación de cada atleta para consigo mesmo.

Cada catro anos, os Xogos olímpicos lémbrannos que o omnipresente e todopoderoso fútbol non o é todo… o deporte rei queda relegado a un segundo plano, cedendo o protagonismo ao rei dos deportes: o tempo queda suspendido tras o pistoletazo de saída dos 100 metros lisos, ante a táctica e os codazos dos mediofondistas buscando a corda no “milqui”, ou ante a entrada tan triunfal como agónica dos primeiros maratonianos entrando nun estadio entregado e posto de pé para recibilos.

Non quixera desaproveitar esta ocasión de poñer en valor aos grandes esquecidos deste sufrido e sacrificado deporte: os adestradores. Persoas que coa súa dedicación e entrega diarias, poucas veces retribuidas, fan posible que cativos (e non tan cativos) se enganchen a unha actividade física sana e saudable, a unha disciplina, a unha metodoloxía, a unha educación; cativos que serán futuras figuras… ou non. Pouco importa.

Máis que adestradores… formadores. Educadores. Amigos. Confidentes. Pais deportivos.
Chámense Germán, ou Mariano… citados por seren os que máis me tocaron de preto.
Faga frío ou calor… sempre están aí; xa sexa entre os charcos da pista ou nun parque embarrado… figuras espectrais cando as horas do día languidecen, co cronómetro nunca man, e o paraugas na outra.
O meu máis sincero e agarimoso recoñecemento para todos eles, artífices e gurús deste deporte.

Artigos relacionados

Back to top button