Follas secas de diferentes árbores, sementes, ramas, anacos de madeira, froitos ou mesmo pedriñas convertíanse en materiais creativos nas mans dos nenos e nenas que participaban na orixinal actividade infantil “Taller sensorial de outono”. Con ela abríase neste domingo o programa da 9ª Semana da Lactación Materna do Barco, que organiza a Asociación De Nai a Nai, e que este ano ten como lema “Protexer a lactación materna. Un compromiso de todos/ as!”.
Este obradoiro, coordinado por Silvia Arias Fernández (arquitecta, nai e coordinadora de crianza da asociación), impartíase no local de De Nai a Nai no Barco a partir das 10h. deste 3 de outubro coa participación de 14 cativos, organizados en dúas quendas (previa inscrición).
No taller utilizábanse materiais tomados na natureza valdeorresa, pero sempre sen danala: follas caídas, ramas secas, pedras, etc. A partir deles, os máis pequenos xogaban e experimentaban coas formas, cores e texturas destes elementos naturais, dando lugar a fermosas creacións sobre soportes como o plástico e o cartón (que despois se levaban como recordo), como no mesmo solo do local.
A Semana da Lactancia Materna do Barco continuará nos vindeiros días con actividades xa dirixidas a un público adulto (e organizadas en colaboración co Concello do Barco) como a xornada “Lactación e traballo. Un reto asumible…sempre?” e correrá a cargo de Lorena Prada, IBCLC e membro da Comisión de Conciliación, Igualdade e Lactación de Fedalma. Será o 6 de outubro ás 17:30 h. no edificio Multiusos. Para esta xornada tamén será necesaria inscrición previa (máis información e inscricións no 629471830).
Ademais do 14 ao 16 de outubro impartirase o curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico – práctico, Nivel I”. Desenvolverase coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras. É un curso organizado por De Nai a Nai, con axuda de María Elisa Lamelas, matrona do Hospital Público de Valdeorras.
Fotos: A.R., agás as 7 últimas da galería que son cedidas pola Asociación De Nai a Nai.