CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Daniel Blanco e Carla Pérez, do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, gañan o 1º premio de Galiciencia 2023

Presentaron un proxecto de "simulación de ambiente favorable á vida para o traslado a outros planetas”

Todos os premiados nesta edición.

 

Galiciencia, a feira científica promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), clausurou esta mañá a súa 18ª edición, baixo o lema “Aeronáutica e Aeroespacial”. A súa finalidade é “espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato” e desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Ao acto de clausura, no que se fixo entrega dos premios, asistiron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey. O vicepresidente salientou que “iniciativas como Galiciencia serven para que os máis novos amosen o seu enxeño á hora de desenvolver novos produtos e resolver problemas a través da ciencia”. Animounos a “seguir con esa inquedanza e esa creatividade” e puxo de relevo que é o primeiro ano que hai maior participación feminina en Galiciencia, o que cualificou de “moi boa noticia porque no impulso científico precisamos o empuxe de todas e de todos”. No transcurso do evento anunciouse a temática de Galiciencia 2024: “Mellor, de madeira”.

 

Daniel Blanco e Carla Pérez do Colexio San Pablo VI Fátima da Rúa, gañadores do 1º premio.

 

O primeiro premio recaeu no proxecto “Simulación de ambiente favorable á vida para o traslado a outros planetas”, de Daniel Blanco e Carla Pérez, do Colexio San Pablo VI-Fátima da Rúa. “Cremos que é posible replicar as condicións e os procesos naturais que dan lugar á vida no noso planeta en contornas pechadas autosostibles que funcionen de maneira autónoma. E isto como vía para o traslado de vida ao espazo ou a lugares da Terra onde as condicións ambientais sexan desfavorables”, explican.

Así, os rapaces estudaron cales son as diferenzas do noso planeta con Marte, as condicións que permiten a vida na Terra e os métodos polos que se manteñen esas condicións estables, trasladándoas a un circuíto pechado de rexeneración de recursos. “A finalidade é trasladar ao espazo non só vida vexetal, senón tamén animal e humana” -aseguran-. Polo momento conseguiron que o seu sistema funcione durante catro meses e o seguinte paso será construír unha estrutura triangulada a escala. Este primeiro premio, dotado con 1.000 euros, permitiralles financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.

O segundo equipo clasificado foi o formado por Sara Vázquez e Erik Villa, do Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio (Pontevedra). O terceiro premio foi para o proxecto “Mapa do ceo e constelacións táctiles” de Lola Reboredo e Laura Gil, do IES Menéndez Pidal Zalaeta da Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button