CulturaCulturaÚltima hora

Descríbense 781 km da rede hidráulica da mina romana de ouro das Médulas

Un proxecto de investigación, realizado polo CSIC, revela por vez primeira as fases detalladas pola que pasou esta explotación situada no Bierzo

Un dos canales da rede hidráulica da mina das Médulas./ Foto: A.R.

A forza da auga foi clave en todas as fases da explotación da mina de ouro romana das Médulas, na veciña comarca do Bierzo. A investigación da rede de canles coa que transportaban esa auga ten gran relevancia para o seu coñecemento completo e para valorar o seu impacto no territorio, así como para potenciar a súa protección.

Nese senso, un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de revelar os primeiros achados do proxecto “A zona arqueolóxica das Medulas e a súa rede hidráulica”, coordinado polos investigadores do Instituto de Historia do CSIC Javier Sánchez-Palencia e Almudena Orejas e subvencionado pola Junta de Castilla y León con 110.000 euros.

A investigación achega importantes novidades. Analizáronse un total de 32 canles da rede hidráulica, 39 depósitos de auga e a totalidade do proceso mineiro, o que permitiu establecer, por primeira vez, a secuencia de toda a mina e determinar que levaron a cabo 42 derrubes de montañas na última zona explotada das Médulas.

Os resultados expuxéronse no acto organizado en Carucedo con motivo do 25ª aniversario das Medulas como Patrimonio Mundial, logro ao que o CSIC contribuíu de forma activa dirixindo entre 1988 e 1997 varios proxectos de investigación.

Fases construtivas

Estableceuse por primeira vez un desenvolvemento detallado das fases polas que pasaron os tres sectores da mina. No caso do sector das Valiñas, o máis grande, identificáronse ata 28 fases. Nas últimas levaron a cabo un total de 42 curtas de minado ou ruinae montium, segundo os investigadores.

Tamén se diferenciaron claramente as diversas canles de evacuación que conduciron o material estéril extraído e lavado ata os seis grandes conos de deyección ou colas de lavado, como o de Chaos de Maseiros, o máis grande e que deu lugar á formación do Lago de Carucedo.

Rede hidráulica

Da rede hidráulica identificáronse un total de 32 canles, 15 pola vertente meridional, 15 pola setentrional e 2 entre ambas. En total suman 781 km de percorrido reconstruído. Puidéronse determinar, ademais, aqueles tramos que son actualmente visibles a través de calquera medio (sobre todo imaxes LiDAR e fotografía aérea): un total de 673 tramos, que suman 272 km.

“Isto quere dicir que só un 30% da rede pode recoñecerse sobre o terreo; o resto ou está oculta ou foi erosionada e perdeuse”, aseguran os investigadores. Para o seu uso na explotación mineira, a auga  embalsábase en grandes depósitos, dos que se conservan só 39, algúns parcialmente destruídos polo propio avance da mina romana.

Os depósitos de maior capacidade son xeralmente os empregados nas curtas de minado ou ruinae montium, como o da Horta (D39), cunha capacidade de 16 a 18 mil metros cúbicos. Datacións Ata o momento, fixéronse sondaxes en nove canles e en tres depósitos de auga.

 

Dentro da rede hidráulica tamén había túneles./ Foto: A.R.

 

Investigacións en curso

As mostraxes dos materiais depositados neles durante o seu uso ou en momentos sucesivos tras o seu abandono pretenden responder a dous obxectivos prioritarios. En primeiro lugar, obter unha secuencia cronolóxica fiable, mediante datacións radiocarbónicas. As datas obtidas ata o de agora, indican que a explotación tivo lugar nos séculos I e II da nosa era. Trátase das primeiras datacións directas de estruturas mineiras, xa que ata o de agora a cronoloxía baseábase na dos asentamentos relacionados coa mina.

En segundo lugar, está en curso un estudo secuencial do rexistro ambiental, “de forma que poderemos ter unha idea bastante precisa da evolución da vexetación e condicións ambientais da zona neses dous primeiros séculos de nosa era, así como valorar o impacto causado pola minería e a explotación global do territorio que levou a cabo o Imperio Romano”, segundo indican os investigadores Javier Sánchez-Palencia e Almudena Orejas.

O proxecto é coordinado desde o Instituto de Historia do CSIC e nel participan máis dunha vintena de investigadores, do CSIC e doutras institucións ou empresas públicas ou privadas. O proxecto foi concibido en colaboración coa Junta de Castilla y León para servir de base a unha redefinición do Ben de Interese Cultural (BIC) das Medulas, como paisaxe cultural representativa doutras zonas do mundo romano.

Artigos relacionados

Back to top button