En portadaÚltima hora

Descubrindo as paisaxes de outono de Parada de Sil cunha chea de propostas

O Concello vén de presentar un programa de actos, que por oitava edición, aposta por poñer en valor "a caída da folla" neste municipio

O alcalde de Parada de Sil, na presentación do programa./ Foto cedida.

 

Parada de Sil aposta novamente por poñer en valor o outono na Ribeira Sacra. Así, por oitavo ano consecutivo, desenvolverá nestas datas un programa con multitude de actividades que vén de presentar o seu alcalde, Aquilino Domínguez, xunto a concelleiro de Cultura e Turismo, Francisco Magide.

Esta iniciativa propón “descubrir as paisaxes de Parada de Sil en torno á caída da folla, algo que pon en marcha todos os nosos sentidos. O multicolor das cepas nos bancais e a incial caída da folla dan unha especial relevancia ao outono en Parada de Sil”, destacan.

As actividades poranse en marcha o 26 de outubro co magosto de Parada de Sil en colaboración coa Asociación Cultural Ouro do Sil e rematarán o 23 de novembro coa V Maratón fotográfica. “No medio teremos o día 2 a oitava edición das xornadas micolóxicas, que por certo coas choivas destes días, apuntan ben á recollida de cogomelos”, matiza o alcalde.

Ademais o día 9 celebrarase a XIII edición da Andaina da Castaña e a Andaina para cativos que ten un percorrido etnográfico e vén sendo guiada por unha profesora de Parada. Despois celebrarase o “Magosto máis antigo e tradicional do Concello, en Sacardebois, que o ano pasado por distintas razón non se podo celebrar”, polo que o alcalde agradece aos veciños desta localidade que se implicaran de novo neste evento.

Outra actividade de referencia será a VIII Festa da Pisa da Castaña o día 16 de novembro, que empezará cunha recreación da pisa da castaña, “procedemento polo que se converte a castaña verde en pilonga e que leva quince días de lume no sequeiro para logo golperase contra o pisón e cribalas, traballo que esixe moita cintura”, informan dende o Concello. En paralelo hai unha feira de produtos da comarca, cervexa, queixo, viño, mel e outros e un xantar popular.

Para ampliar información ou mesmo reservar as entrada para o xantar as persoas interesadas poden contactar coa oficina de Turismo do Concello.

“Agardando unha ampla presenza de visitantes en Parada de Sil, seguimos pondo en valor as tradicións”, di o concelleiro de Cultura, Francisco Magide. Ademais o alcalde convida “a veciños e a visitantes a degustar algún prato ou sobremesa con castañas nas fins de semana en calquera dos restaurantes” deste municipio.

Artigos relacionados

Back to top button