CulturaCulturaÚltima hora

Desentrañando a lápida funeraria altomedieval dos Conventos (A Pobra do Brollón)

Os resultados da investigación realizada por Álvaro Lorenzo sobre esta peza veñen de publicarse na revista especializada "Espacio, Tiempo y Forma" da UNED

O epifacio coas medidas./ Foto do autor da investigación.

 

Aparecía apilada no alto dun muro durante a campaña arqueolóxica do verán do 2020 no xacemento altomedieval de Os Conventos (San Mamede de Vilachá, A Pobra do Brollón, Lugo), na Ribeira Sacra. Os investigadores identificaban unha laxa de gneis coa cara escrita cara arriba e cuberta por maleza. Dende entón a peza, unha lápida funeraria, foi obxecto de estudo por parte de Álvaro Lorenzo Fernández, experto en epigrafía da Universidade Complutense de Madrid, e os resultados da súa investigación veñen de saír á luz na revista especializada “Espacio, Tiempo y Forma 35 (Serie III Historia Medieval). Revista de la Facultad de Geografía e Historia” da UNED.

“Estamos ante un epitafio cuxa fórmula notificativa é a coñecida hic requiescit famulus Dei. A natureza intrínseca do acto epigráfico é, por tanto, perpetuar a memoria do finado, probablemente parte do ambiente cenobítico que houbo en Os Conventos. A teor dos restos materiais, este contexto monacal non pasaría en ningún momento de ser un centro rural, con poucos monxes e afastado dos grandes centros relixiosos, isto é, dos grandes centros de desenvolvemento da escritura”, conclúe Lorenzo Fernández.

O epitafio realizábase sobre un material local, o coñecido como “ollo de sapo”, pese a que “non era o idóneo para este tipo de inscricións, era o material ao que tiñan acceso”, di Álvaro Lorenzo. Ese tipo de pedra tamén condicionaba a técnica usada, xa que “vai por capas e, se non se crava fondo, as lascas saltan e non permiten ler as letras. Tense que escribir de forma profunda e grosa, non superficialmente e fino”. A partir dos restos epigráficos conservados este experto fai a seguinte proposta de lectura: “Aquí descansa o servo de Deus Sagib“.

 

Fotografía de Ayán Vila (2020, 99).

 

“O que resulta máis interesante a nivel formular é que no epitafio fáltannos cousas que habitualmente si temos, e iso permítinos vinculala con escenarios concretos que xa coñecemos e establecer paralelos e inferir de que contexto cultural emana a inscrición. Pode relacionarse con outras necrópoles que teñen formulario similar, que no norte son máis ou menos ben coñecidas e que entroncarían con ese contexto cultural. E logo a nivel de tipoloxía externa da laxa o intersante sería saber como estaría colocada orixinalmente, se se lería. O certo é que nos esperta máis preguntas, e niso estamos”, engade este estudos.

Sobre a súa forma e medidas, Álvaro Lorenzo apunta que “todo induce a imaxinar un tipo de enterramento de cistas sen sartego, similar ao atopado na campaña de 2019 datado no século X. Ao ser achada a inscrición nun muro cuxa existencia é resultado dunha reutilización de materiais, permítenos atrasar a súa cronoloxía á época máis antiga testemuñada arqueolóxica e documentalmente (lembremos que de Vilachá xa existen mencións en o século IX). Paralelamente, os seus trazos internos sitúannos en un momento xa cristianizado e en o que o formulario empregado estaba difundido”.

 

Fotografía de Ayán Vila (2020, 99), modificada por Álvaro Lorenzo.

 

O valor dos restos epigráficos

Realmente pezas como a lápida funeraria dos Coventos posúen un gran valor para os estudos da epigrafía xa que son “fontes de primeira man. A xente que traballa con documentación acostuma facelo con copias posteriores porque o pergamiño ou o papel, o soporte que se utiliza para este tipo de documentos, ao final estrágase, ten unha vida moito máis curta que unha pedra. Entón canto se traballa con pezas, sobre todo da tipoloxía da que estamos falando do século IX-X, realmente os documentos que quedan orixinais cóntanse cos dedos dunha man. Por iso para nós é moi importante, representa fielmente a escrita da época, a linguaxe da época. Neste caso a inscrición non tiña moito texto, pero outras veces si que nos axuda a saber como evoluciona o latín, a ver a evolución propia das grafías das letras…”, resalta este estudoso.

Ademais inscricións como esta contribúen a botar un pouco máis de luz sobre a etapa altomedieval en Galicia. “Pouco a pouco dende diferentes perspectivas imos contribuíndo para que sexa un coñecemento completo, coñecer paleográficamente a época ou coñecer iso, ao final é un raio de luz nun escenario enorme. Cando empezamos a traballar filólogos, arqueólogos, historiadores, etc. e cada un aporta o seu raio de luz, ao final vemos moito máis do escenario, non só un foco pequeniño”, destaca Lorenzo Fernández.

Fotos cedidas: forman parte das imaxes do artigo “NUEVO EPITAFIO ALTOMEDIEVAL ENCONTRADO EN LA EXCAVACIÓN DE OS CONVENTOS (SAN MAMEDE DE VILACHÁ, A POBRA DO BROLLÓN, LUGO)”, publicado na revista “Espacio, Tiempo y Forma” da UNED.

O artigo de investigación de Álvaro Lorenzo Fernández pode lerse en

https://revistas.uned.es/index.php/ETFIII/article/view/31175

 

Artigos relacionados

Back to top button