ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Emotiva e merecida homenaxe a Adelaida Arias, a primeira muller de España en obter por exame a titulación de “docente de autoescola”

Esta valdeorresa natural de Portomourisco (Petín) e residente no Barco, recollía no Pazo do Castro o I Premio Compromiso Amicar

 

Por ser a primeira muller de España en conseguir a titulación de “docente de autoescola”, nunha época (1971) no que a igualdade de xénero estaba moi lonxde de ser unha realidade; pero sobre todo, polo seu carácter afable, pola súa amabilidade, tesón e compromiso cos seus alumnos, a profesora Adelaida Arias Fernández, foi merecedora do I Premio Compromiso Amicar. Un galardón anual creado por Amicar e a Fundacion Avata que nace co propósito de “resaltar o valor daquelas persoas e institucións que, vinculadas á educación viaria, destacan polo seu ámbito humano” e ao mesmo tempo “dar voz e defender as peculiaridades das zonas menos poboadas”.

 

 

Moi contenta, emocionada e especialmente agradecida, a homenaxeada recollía o galardón de mans da secretaria xeral de Igualdade Sandra Vázquez, quen puxo en valor a importancia deste galardón que recoñece no seu estreo o papel dunha muller “pioneira e referente no eido da educación viaria, que se enfrontou aos estereotipos machistas e atopou a súa vocación nunha profesión fortemente masculinizada”.

 

 

O acto, íntimo, sinxelo e moi emotivo, celebrábase no Pazo do Castro, no Barco de Valdeorras, concello no que Adelaida (Portomourisco, Petín, 1935) se a sentou hai máis de 50 anos, coa asistencia de alcaldes e representantes de todos os concellos de Valdeorras, de monitores de autoescola, de representanes da Policía Local do Barco e da Rúa, de amigos, veciños e mesmo alumnos.

 

 

Presentado por Elisa, en representación co equipo de traballo de Amicar, a homenaxe serviu tamén para dar a coñecer o proxecto que nacía do acordo entre o Centro de Formación Amicar e a Fundación de Víctimas de Accidentes de Tráfico Avatá sendo o xerente da fundación, Antonio Fidalgo, o primeiro en intervir, explicando o labor que levan 20 anos desenvolvendo coas persoas que sofren accidentes de tráfico e destacando que o proxecto “Compromiso Amicar” céntrase na concienciación, especialmente nos centros escolares, da necesidade de ser prudentes ao volante e avanzar para lograr o obxectivo de vítimas 0. “o importante é chegar”, puntualizaba Adelaida.

 

 

O premio toma como protagonista “o valor e o compromiso da muller nos anos do franquismo no sector da educación viaria”, polo que non podía faltar o testemuño doutra muller que, como Adelaida, sufriu nas súas propias carnes a discriminación. Esperanza Pérez, propietaria da Autoescola Xinzo, contou aos presentes o que supuxo ser muller, profesora de autoescola e nai solteira hai 42 anos cando emprendía o seu negocio, sen ser tan boa estudante como Adelaida, pero satisfeita co conseguido e co que avanzou a sociedade.

 

 

O último en intervir antes de entrega o premio era o xerente de Amicar, sobriño da homenaxeada e presidente do xurado, Ramón Cao quen non escatimou en eloxios cara a súa tía destacando que “foi a única muller dos 250 que conseguían o título de docente de autoescola no ano 71, sendo o número 13 de toda España”. Un fito pouco comparable á calidada humana e o traballo que ao longo da súa vida desenvolveu esta muller “dunha paciencia inesgotable, cariño e amabilidade”. Ramón tamén aproveitou a ocasión para presentar o proxecto co que “hoxe adquirimos o compromiso de facer todo o posible para que a xente de Valdeorras e do Bierzo mellore a súa formación e seguridade”, en base a tres premisas: “A formación como elemento transformador”; que “non importa a sanción senón a razón” e que o importante “non é informar senón transformar”.

 

 

Trala entrega do galardón por parte da secretaria xeral e ante a negativa da homenaxeada de falar en público dado o emocionada que estaba, era a súa filla quen lia as súas palabras, amosando o seu profundo agradecemento e lembrando aos que xa non están. De seguido e como vos valdeorreses, remataban o acto compartindo un viño.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Máis información:

Adelaida Arias, unha das primeiras mulleres de España en obter a titulación de “docente de autoescola”

 

 

Artigos relacionados

Back to top button