CulturaCulturaEn portadaÚltima horaVídeos

Emotiva homenaxe a Luis Baños na celebración das Letras Galegas en Parada de Sil

 

“Nunca pensei ser un homenaxeado en Parada de Sil, nunca me pasou pola cabeza”, dicía sumamente emocionado o produtor audiovisual Luis Baños Campo na homenaxe que este concello da Ribeira Sacra lle rendía este sábado 13 de maio no marco da celebración das Letras Galegas. Malia ter nacido en Ourense, “sinto moito Parada de Sil e Caxide, e espero que por moitos anos”, resaltaba, entre agradecementos a “todos os que pensaron en min para este recoñecemento” nun salón de actos do Concello ateigado de persoas: representantes políticos (entre eles o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; o concelleiro de Cultura, Paco Magide; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández), así como do sector audiovisual, cultural, veciñanza e familiares.

 

https://youtube.com/shorts/7VKAZnX2jpk?feature=share

A través do seu amigo Iván, presidente da Asociación de Veciños de Caxide, Baños descubría anos atrás esta aldea de Parada e o resto do municipio e ás súas xentes, “sendo un guía que convida ás persoas que se atopa tanto en Ourense como fóra. Na súa cociña hai unha xanela aberta ao canón do Sil e, sempre que pode, está disposto a colaborar no que sexa necesario para difundir as actividades que se realizan no municipio e axudar aos veciños. Nos audiovisuais que realiza procura introducir planos e imaxes de Parada de Sil, na súa vida está presente este territorio tan fascinante”, destacan dende o Concello.

 

O produtor audiovisual Luis Baños.

 

E así o destacaba tamén na presentación do homenaxeado o xornalista Lalo Pavón. “Os asiduos deste acto dende os seus principios son conscientes de que se hai unha figura imprescindible na xestión e desenvolvemento de cada unha destas homenaxes, esa é a de Luis, facendo vídeos cos e sobre os homenaxeados, da súa vida e obra, que son pezas mestras e que cada un deles gardan como ouro en pano, cheas de sensibilidade”. Pavón sinalaba tamén que a relación de Baños con Parada vai moito máis alá, “a súa man, a súa mirada e a súa cámara están detrás de practicamente toda a obra de promoción e difusión de Parada nos últimos 20 anos” e, como mostra, citaba “a espectacular vista do concello a ollo de paxaro, colgado na web municipal e que leva a súa sinatura”.

 

 

Comentaba que Baños “non só domina todos os segredos da tecnoloxía e das cámaras, senón que sabe captar especialmente a alma das xentes e todo o que de sensible se move arredor das cousas que queremos captar, traballar con Luis é ter a garantía dun traballo ben feito e de que ese traballo sexa valorado polos seus destinatarios”. Ademais resaltaba “ese sentimento que o ten convertido dende hai tempo nun paradés máis”, o “seu carácter afable e bonhomía” e  cualificábao de “profesional avezado, que ama o seu oficio, capaz de despregar recursos inimaxinables para solventar calquera continxencia”.

 

 

Lalo Pavón tamén recordaba a tremenda sorpresa de Luis Baños cando lle comunicaban que el era a persoa distinguida nesta ocasión. “Quedou en estado de shock. Estaba acostumado a que nestas datas o chamaran para encargarlle un vídeo sobre a persona homenaxeada, que contextualizara a súa vida e obra, porén, o que nunca imaxinou é que esta vez ía ser el mesmo o protagonista directo”.

 

 

De feito ese vídeo proxectábase nesta celebración, que abría o alcalde de Parada de Sil, dando a benvida aos asistentes. Tamén tomaban a palabra o subdelegado do Goberno en Ourense e o vicepresidente da Deputación.

 

 

O acto estaba intercalado pola actuación da Coral Aqua Música e finalizaba coa entrega dos Premios do XI Concurso de Microrrelatos Concello de Parada de Sil-Ribeira Sacra.

O xurado do concurso (composto polos profesores Delfín Caseiro e Arturo Fernández e presidido polo catedrático emérito e fillo predilecto de Parada de Sil, Antonio Carreño) amosaba, ao facerse público o fallo, a súa dificultade para cualificar dado o alto nivel dos partcipantes e despois de moitas deliberacións chegaba ao acordo de conceder o primeiro premio á sevillana Esperanza Macarena polo microrrelato titulado “A qué huele la traición”. A ganadora lía este sábado o seu relato en Parada.

 

 

En segundo lugar quedou a palentina de Aguilar de Campoo Estefanía Soto co microrrelato que leva por título “Presuntamente”. E o terceiro premio correspondíalle a Naila María González de Sarria co microrrelato en galego titulado “Debeu ser o aire”.

A celebración das Letras Galegas en Parada de Sil concluía co pestiscos e viño galego para os asistentes.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button