CarballedaConcellosEn portadaRubiáÚltima hora

Esclarécense as causas dos incendios forestais de Rubiá e Sobradelo

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta determinou que no caso de Rubiá a presunta orixe foi unha cabicha mal apagada, no de Sobradelo, varias chispas procedentes do tren

 

A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de esclarecer dous lumes rexistrados esta semana nos concellos ourensáns de Rubiá e Carballeda de Valdeorras. A Xunta desprazou inmediatamente a UIFO para investigar in situ ambos incendios e ao pouco tempo xa tiña determinadas as súas causas.

Así, o primeiro lume esclarecido foi o rexistrado o xoves en Rubiá, parroquia homónima, actualmente controlado afectando unhas 200 hectáreas provisionais. “Tras os pertinentes traballos de comprobación sobre o terreo, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais puido establecer que a presunta orixe do incendio foi unha cabicha mal apagada. Neste senso, estase a traballar na investigación completa conxuntamente co Servizo de protección da natureza (Seprona) da Garda Civil de Ourense para que verifiquen a procedencia dese elemento mediante proba de ADN, continuando así coas dilixencias oportunas. Cómpre engadir que no control deste lume levan participado 4 técnicos, 18 axentes, 40 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 9 avións e 10 helicópteros”, segundo informa Medio Rural.

O outro incendio esclarecido é un que se rexistrou onte en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Sobradelo, tamén controlado nestes momentos tras afectar provisionalmente menos dunha hectárea forestal. “Unha vez no terreo, os axentes da UIFO puideron determinar que a presunta causa neste caso foron varias chispas procedentes da catenaria do tren que orixinaron, cando menos, dous focos de lume”. Para atallar este incendio mobilizáronse un total de 2 técnicos, 5 axentes, 13 brigadas, 8 motobombas, 4 avións e 5 helicópteros.

A UIFO, creada no Pladiga deste ano, está formada por 15 membros da escala de axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte, e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que se centran especificamente e con maior intensidade na investigación dos lumes, como é o caso que nos ocupa.

 

 

Ademais, a Xunta lembra que máis do 70% do territorio galego está vixiado por un total de 142 cámaras repartidas por toda a xeografía galega e que permiten salvagardar, detectar e anticiparse aos lumes, ademais de 12 drons cos que persoal da Xunta vixía os montes galegos para detectar conductas incendiarias. A maiores, desde mañá, domingo, comezará tamén a vixilancia sobre o terreo as 30 patrullas do Exército cos respectivos drons ao abeiro da Operación Centinela Gallego 2021.

Nesta liña, a Xunta pide prudencia nos montes con accións que poidan derivar en incendios forestais e fai un novo chamamento á colaboración cidadá para informar en caso de detectar algún lume forestal a través do teléfono gratuíto 085. Ademais, lembra o teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Artigos relacionados

Back to top button