
Despois da videoconferencia dunhas catro horas que se celebraba na mañá deste domingo entre o presidente do goberno español e os presidentes das comunidades autónomas, o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez facía unha comparecencia pública na que comezaba incidindo en que “todos estamos unidos neste dificilísimo obxectivo e traballando para solucionar esta situación”.
Sobre a decisión do goberno español de ampliar outros 15 días o estado de alarma Feijóo indicaba que “todos os presidentes autonómicos respectamos esta decisión que, sen dúbida, ten unha gran trascedencia social, cidadá e económica”.
Deseguido, o presidente galego daba conta das principais cuestións que plantexaba no decurso da reunión. A primeira delas era a do material sanitario, “precisamos ese material para protexer aos profesionais, para garantir a asistencia sanitaria aos pacientes e para facer o test de recoñecemento maioritario a toda a poboación e así indicar a cada cidadán qué debe facer para parar o contaxio”.
En segundo lugar, Feijóo aseguraba que “necesitamos saber en cada comunidade autónoma como está a curva epidemiolóxica, de cara á avaliación da necesidade de camas de UCI e de hospitalización”. E asegurou que “ante a falta de resposta, a Administración autonómica encargou aos profesionais sanitarios e aos servizos centrais do Sergas estes datos, que permitan coñecer a semana ou as semanas de maior incidencia de contaxio, ocupación de UCI e ocupación hospitalaria”.
O presidente galego facía especial fincapé no relacionado coas residencias de maiores e de discapacitados, centros que teñen protocolos de actuación desde o venres 13 de marzo. E anunciaba que a Xunta xa deu instrución de que “cada xerencia sanitaria ten que tutelar as residencias de maiores e os centros de internamento de discapacitados na súa área territorial. E as autoridades sanitarias teñen que estar moi atentas aos brotes de infección que se produzan nas residencias e tutelar e monitorizar as instrucións que se van dar a través dos médicos de Atención Primaria ou dos especialistas en Medicina Preventiva”.

Feijóo lembraba que na comunidade galega hai 20.000 maiores en residencias da terceira idade, 4.000 en residencias públicas e 17.000 en residencias concertadas, de inciativa social ou privadas. “Este é un foco fundamental, todos os presidente autonómicos, igual que o presidente do Goberno, coincidimos en que isto é a prioridade sanitaria máis importante dende o punto de vista da prevención”.
Nesta liña, o presidente da Xunta expuxo a necesidade de que se elabore un protocolo de coordinación válido para todo o Estado entre as autoridades sanitarias e as autoridades sociais.
Por último, e no tocante ao paquete de medidas económicas aprobadas polo Goberno o pasado martes, o titular do Executivo autonómico sinalou que a Xunta trasladará a súa valoración por escrito, dado que non era o principal obxectivo de hoxe. Non obstante, subliñou a necesidade de “coñecer a letra pequena” do desenvolvemento das mesmas e lembrou que Galicia xa adaptou fórmulas para axudar aos autónomos e ás pemes, por un valor de 270 millóns de euros, “e que continuaremos avanzando e anticipando desde mañá luns”, adiantou.
Despois desta videoconferencia, na que o presidente do Goberno de España comunicou a decisión de ampliar o estado de alarma 15 días máis, Feijóo manterá esta tarde unha reunión cos representantes dos principais partidos políticos galegos, para informarlles con detalle do contido da xuntanza con Pedro Sánchez.
