ConcellosÚltima hora

Gabriel Alén: “Na situación de Irosa e Samaca ten que haber un entendemento antes da seguinte data de desafiuzamento”

Así o apuntaba o delegado da Xunta na provincia nunha declaracións, xunto á alcaldesa de Carballeda, na visita que realizaba hoxe a Valdeorras

 

Sobre a situación que viven as empresas Samaca e Irosa, e que podería levar a perda duns 250 postos de traballo, pronunciábase esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na visita que realizaba a Valdeorras. “Quero amosar o máximo apoio, como así o fixeron os veciños, e todas as institucións, representantes sindicais, alcaldes o venres pasado nunha manifestación, polo tanto amosar todo o apoio a estas familias que dependen deses postos de traballo e ao sector”.

Alén tamén explicaba que nestes momentos “hai dúas situacións, unha delas administrativa sobre a que si temos unha certeza, que é a expropiación/acta de ocupación alá polo mes de marzo, iso é firme, é o que sabemos. E, por outra banda, hai un proceso xudicial, que é incerto no tempo cando se resolve. Derivado diso hai unha confrontación dos dous expedientes, tanto o xudicial como o administrativo, e o que desexamos é que se busque unha solución, o equipo xurídico da propia empresa, dende o xulgado, pois que se chegue a unha solución”, indicaba o delegado da Xunta.

Así mesmo, Alén comentaba que “é curioso que unha empresa que ten a súa acta de ocupación, que ten no rexistro un terreo ao seu nome, ninguén discute se esa ocupación, se ese proceso de expropiación foi correcto ou non, o que si está en discusión e se esa orde que emite a xuíza de desafuizamento en confrontación dun documento de propiedade por parte da empresa, entón aí ten que haber un entendemento, penso que moito antes de finais mes de novembro, que é cando se está falando desa seguinte data de desafiuzamento”.

 

O delegado da Xunta en Ourense, na súa visita a Valdeorras.

 

Sobre a posibilidade de que Xunta intente achegar posicións entre as partes, Alén aseguraba que “nós fixemos o noso traballo no seu momento para velar polo mantemento dos postos de traballo, pero agora é algo que se escapa á nosa capacidade. A nosa vontade toda de que se chegue e a un acordo, e penso que se ten que dar, é unha situación a verdade que anecdótica, que alguén que teña un documento de propiedade dun terreo e que reciba unha orde de desafiuzamento, dase esa confrontación do que é a parte xurídica coa parte administrativa e temos un tempo suficiente ata finais de novembro para atopar unha solución, iso si, entendo que dende o equipo xurídico da empresa e dende o Xulgado”.

Xunto a ao delegado da Xunta, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, engadía que no municipio hai moita preocupación xa que, “aínda que boa parte dos traballadores destas empresas son resto da comarca, pero todos temos raíces porque alí van a traballar. É unha situación tremendamente triste e preocupante e a misión do grupo de goberno de Carballeda é poñer tranquilidade. Sabemos que se vai arranxar porque todo o que é xusto e razoable vai ter arranxo, o tempo pon a cadaquén no seu lugar, e a nosa misión é dicirlle aos veciños e aos traballadores que estamos aquí, estamos con vós e nesta loita non estades sos”.

Sobre a posibilidade de se chegue a unha solución antes do 29 de novembro, a rexedora apuntaba que “eu son moi intuitiva e penso que vai haber solución”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button