EntrevistasÚltima hora

Gabriel Alén: “Temos que acercar moito máis a comarca de Valdeorras á capital”

Na reunión mantida co alcalde da Rúa, o novo delegado da Xunta en Ourense fixo un "chamamento á responsabilidade" ante o agravamento da pandemia de coronavirus na provincia de Ourense

Gabriel Alén Castro, novo delegado da Xunta en Ourense.

 

Dende hai apenas un par de semanas, Gabriel Alén Castro (Ourense, 1977) substitúe á súa compañeira no Partido Popular, Marisol Díaz Mouteira, que ostentaba o cargo dende o ano 2015, como novo delegado da Xunta de Galicia en Ourense.

Alén chega ao Goberno autonómico despois da súa etapa como alcalde de Cenlle. Comezou na política municipal como concelleiro no ano 2007 e xa no 2011 lograba a maioría absoluta, presidindo o Concello ata marzo deste 2020, cando decidiu presentarse á lista para o Parlamento de Galicia. A súa sorpresa chegaba cando o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo o nomeaba como delegado na provincia de Ourense.

Xa dende o primeiro día, Gabriel Alén comezaba o seu labor a pé de campo visitando algúns dos municipios máis afectados polos lumes neste verán, e na tarde do 2 de outubro chegaba a Valdeorras, reuníndose na Casa do Concello co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández. “Á parte de pisar territorio, o importante é escoitar aos alcaldes que son os que realmente coñecen as demandas dos cidadáns, tanto para solucionar problemas como para posibles oportunidades que se nos poidan presentar”, asegura Alén Castro.

 

Gabriel Alén nun momento da entrevista ao Periódico O Sil.

 

Vén da política de cercanía, que obxectivos se marca neste novo cargo?

Trasladar un pouco a voz do cidadán de a pé. Como alcalde que veño de ser hai pouco, estou acostumado a pisar territorio, moito, e é o que pretendemos facer. Xa dende o minuto un estivemos en varios concellos afectados polos incendios como Cualedro, Monterrei e Rairiz de Veiga e hoxe estivemos pola mañá no Macizo Central dende Vilar de Barrio ata Vilariño de Conso e Chandrexa de Queixa e agora na Rúa, falando co alcalde para coñecer o sentir da comarca de Valdeorras. Estou recollendo as demandas de moitos alcaldes e está claro que non podo ir nun día a todos os concellos (a ruta de hoxe foi moi longa e teño máis peticións de Valdeorras) pero espero máis pronto que tarde cumprir con esas demandas, reunirme e escoitar. Penso que á parte de pisar territorio o importante é escoitar aos alcaldes que son os que realmente coñecen as demandas dos cidadáns, tanto para solucionar problemas como para posibles oportunidades que se nos poidan presentar.

Neste momento unha das preocupacións en Valdeorras é a eliminación das taquillas de venda de billetes nas estacións de tren da Rúa e O Barco.

Efectivamente, é algo preocupante que estamos a sufrir en toda a provincia de Ourense polo que penso que aí construtivamente debemos loitar por, como mínimo e de xeito inmediato, recuperar a frecuencia pre covid en todos aqueles horarios e servizos que tiñamos antes da pandemia, porque vén para quedarse certo tempo. Si que temos que tomar certas medidas de seguridade pero se non mantemos uns servizos mínimos, ferroviarios e de transporte público, morrerá o servizo en si.

Tamén se reuniu co presidente da Deputación e co subdelegado do Goberno en Ourense. ¿Cales foron as súas impresións?

De máxima colaboración. Co subdelegado do Goberno foi un encontro institucional pero a do presidente da Deputación xa foi unha reunión de traballo e o que vimos a falar como representantes do territorio, tanto dende a Xunta de Galicia como dende a Deputación é da colaboración máxima e da máxima coordinación, polo ben común dos cidadáns desta provincia.

 

O delegado da Xunta, na súa visita ao Concello da Rúa.

 

¿Coñece a comarca de Valdeorras? ¿Cales son segundo a súa opinión as prioridades da comarca para a Xunta?

Comprométome a coñecela moito máis do que a coñezo, de feito xa na miña segunda semana no cargo aquí estou. Comprométome a visitala máis. A verdade é que temos que mellorar moito as vías de comunicación, aí están a A-76 e os servizos ferroviarios, pero faremos o posible por achegarnos un pouco máis á comarca de Valdeorras que parece que está no límite. Temos que acercala moito máis á capital e darlle moito máis mimo.

¿Como valora a actual situación da pandemia na provincia de Ourense, onde o número de contaxios non para de subir?

A situación é moi preocupante tanto en Valdeorras como na cidade de Ourense. Vivímolo con moitísima preocupación e quero facer un chamamento á responsabilidade. Vemos que a maior parte dos contaxios están sucedendo no ámbito familiar que é onde nos confiamos e iso non pode suceder. Todos temos que facer o posible por dobregar esta curva e vencer á pandemia, polo ben da nosa saúde e da saúde dos nosos maiores que se se contaxian son os máis afectados, pero tamén pola supervivencia económica, pola saúde dos nosos empresarios.

Texto: Mónica G. Bellver

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button