EntrevistasÚltima hora

Guillermo Palomero: “O oso é un valor a conservar e tamén un activo económico”

O presidente da Fundación Oso Pardo analiza a situación na península desta especie, que pasou do risco crítico de extinción nos 90 a estar hoxe en proceso de expansión cara provincias como Lugo, Ourense, León e Zamora

Guillermo Palomero, presidente da Fundación Oso Pardo./ Foto: Fundación Oso Pardo.

 

O oso pardo cantábrico (Ursus arctos) afástase do perigo de desaparición de décadas atrás e expándese cara a Cabrera leonesa, as provincias de Lugo e Ourense, e mesmo fai incursións en territorio portugués. “O último censo, feito no 2020 con ferramentas xenéticas polas comunidades autónomas, estima uns 370 osos nunha poboación continua que reflexa o éxito de recuperación dunha especie que estivo ao borde mesmo da extinción no noso país. E disto hai que alegrarse porque supón o éxito dun traballo conxunto e continuado con cazadores, apicultores, alcaldes, administracións, veciños… no que nós empurramos todo o que puidemos”, di o naturalista Guillermo Palomero, presidente da Fundación Oso Pardo.

Este importante esforzo de conservación mantido dende hai tres décadas lograba diminuír a presión do furtivismo, protexer e mellorar boa parte dos hábitats oseiros, e xerar un apoio social cara o plantígrado. “É clave que haxa aceptación social no territorio, dos veciños que conviven co oso na Cordilleira Cantábrica, que está sementada de aldeas”, resalta Palomero. Este animal non só é compatible coa actividade humana, senón que constitúe un marchamo de calidade ambiental e mesmo un recurso económico para os territorios nos que habita.

¿Que é a Fundación Oso Pardo e cales son os seus cometidos?

É unha organización non gubernamental, nacida en 1992, cuxo obxectivo é traballar, sempre con bases científicas, para a conservación do oso, dos seus hábitats e do entorno cultural desta especie. Desenvolvemos o noso labor na Cordilleira Cantábrica e nos Pirineos e estamos moi en contacto cos investigadores e cos proxectos de conservación de oso pardo en toda a súa área de distribución, e especialmente nas pequenas poboacións italianas e gregas, para intercambiar información e ideas. Somos un grupo de persoas completamente independentes, vinculadas ao monte e á actividade na natureza dende diferentes profesións: paleontólogos, xeógrafos, avogados, biólogos, enxeñeiros forestais e naturalistas. Resulta unha mestura moi interesante que aporta unha boa perspectiva á fundación. E unha das nosas liñas máis importantes é a social, estar sempre co territorio, falar coa veciñanza e integrar, ir xuntos nas estratexias de conservación.

¿Cal é a visión tradicional que se ten do oso no noroeste da península?

Deixou unha forte pegada nas culturas rurais e aínda hoxe é un animal mellor considerado que o lobo. Provoca poucos danos nas facendas, vai polo mel pero é doado protexer un colmear cun cercado eléctrico, rouba froita, en cambio, rara vez mata unha peza de gando. Polo tanto esa imaxe positiva que tivo sempre nas culturas, nos contos e nas lendas é porque xera poucos conflitos, é un animal moito máis tolerado. E ademais os problemas que xera pódense corrixir se se traballa neles da man dos axente locais, dese xeito é máis fácil manter esa situación ideal de coexistencia pacífica entre o oso e os intereses e actividades dos humanos. Sen dúbida, moito máis fácil que co lobo. Pero, falamos dun animal salvaxe, non dun oso de peluche, e iso debe explicarse sempre con moita claridade e hai que saber como comportarse para que non se sinta ameazado e poida provocar un perigo no monte.

Iso estámolo explicando permanentemente e facendo campañas, de feito agora temos unha en colaboración coas federacións de caza de Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria e coas federacións de montaña e outras entidades que realizan actividades no monte nestas comunidades. É moi difícil ver un oso de preto porque teñen unhas orellas e un nariz extraordinarios, pero hai que saber que precaucións tomar se estás en zona oseira. Con estes grandes animais é moi bo ter toda a información sobre o que non hai que facer para evitar conflitos porque queremos manter a actual aceptación social do oso, que é moi importante.

 

Exemplar xove de oso pardo./ Foto: Fundación Oso Pardo.

 

En 1973 foi declarado especie protexida, dende entón cambiou moito a súa situación, ¿en que momento está hoxe o oso pardo?

A pesar desa protección sobre o papel, matábanse osos, eran presa dos furtivos, poñíanlles trampas, envelenábanos e logo estaba o prestixio de ter matado un oso, de ser admirado localmente por iso e a lei do silencio, de que non pasaba nada. Ao comezo dos 90 o oso seguía caendo en picado, só quedaban 2 pequenos grupos incomunicados, un no occidente cuns 50 exemplares e outro no oriente cuns 15. Iso superouse grazas ao labor realizado en 3 ámbitos: combater intensamente o furtivismo, protexer o hábitat do oso e traballar para que a aceptación social fose unha realidade no medio rural, escoitando moito ao territorio e resolvendo os pequenos problemas que xeran os osos.

Iso permitiu que hoxe xa non estea en perigo crítico de extinción, pasamos a unha poboación duns 370 osos única e continua, dende os territorios galegos, especialmente Ancares e Courel, se ben tamén fan incursións na Fonsagrada e na provincia de Ourense; ata os límites entre Cantabria e Palencia, mesmo pasando a A.67, e algún exemplar tamén se asoma a Burgos.

Ademais dase unha expansión de osos cara La Cabrera (León) e dende alí baixa algún ata Sanabria (Zamora) e mesmo nalgunha ocasión pisaron terreo portugués. Este é un fenómeno normal, que case sempre protagonizan os machos xoves, de 3 a 5 anos de idade, que fan esas viaxes exploratorias. As femias son máis de quedarse nos territorios das súas mais ou próximas a eles, vanse expandindo lentamente, como unha mancha de aceite.

No 2021 finalizaba o proxecto Life Oso Courel, ¿sería interesante desenvolver iniciativas similares noutros territorios que comezan a ser visitados polo oso de cara á concienciación social e a evitar problemas de convivencia con el no futuro?

Sen lugar a dúbidas. Habería que ver por onde van estas liñas de expansión, telas claras e ir por diante dos incidentes. Mais vale falar de como son os osos e de como se debe coexistir con eles cando xa van chegando os primeiros exploradores, que agardar a que empece a haber problemas e que os veciños comecen a ter unha opinión negativa, á que logo custa moito dar a volta. Para nós a experiencia no Courel foi magnífica. Dende o escepticismo que vimos inicialmente pasamos á cooperación cos Tecores, cos axentes de turismo… Vimos que era un territorio extraordinario, cunha xente con moitas ganas de quedarse e de xerar actividade nel para crear empregos. Non me extraña que os osos decidiran quedarse a vivir aí. Lamentamos que o incendio do pasado verán se levara por diante unha porcentaxe das plantacións que fixemos, aínda que afortunadamente non todas. Na primavera faremos unha avaliación para ver que plantas perdemos e imos buscar financiamento para repoñelas.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de marzo do Periódico O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button