CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Gutier Álvarez: “Crieime coas historias sobre a espada de Mouruás, por iso a banda sonora deste documental xurdiu de forma natural e instintiva”

Este recoñecido músico, natural da comarca das Terras de Trives, é o autor da BSO da longametraxe dirixida por Lucía Álvarez e estreada no OUFF esta semana

Gutier Álvarez, nun concerto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O documental “A espada de Mouruás”, dirixido por Lucía Álvarez e estreado no OUFF (Ourense Film Festival) nesta semana, plantexa unha viaxe a través dos milenios para desentreñar a historia deste singular obxecto da Idade do Bronce. E nesa peregrinaxe na que se embarca ao espectador, a música é unha compañeira fundamental. A banda sonora desta longametraxe é obra do recoñecido músico Gutier Álvarez Vázquez, natural tamén da comarca das Terras de Trives e vinculado familiarmente a Mouruás (San Xoán de Río).

Este filme supuxo para este especialista en música tradicional un reencontro coas historias que, de cativo, lle contaba a súa avoa sobre esta fascinante espada, ao mesmo tempo que se estreaba como compositor dunha banda sonora. “É a primeira vez que me inicio nisto da música programática. E aínda por riba cunha historia que para min é tan importante e vital, foi un proxecto no que, ademais, me deron carta branca para traballar, así que estou encantado. Síntome moi afortunado e cunha gratitude inmensa”, destaca.

Explica que esta experiencia creativa resultoulle “moi interesante. O feito de que o documental estivera aberto tamén facilitou poñerlle a música. Este filme é un relato que, dende un punto de vista histórico, remóntase aos comezos dos tempos, pero no meu caso remóntase á miña nenez, crieime con este tipo de historias arredor da espada, e iso forma parte da miña esencia. E, dalgún xeito, botei man do máis instintivo e do máis elemental ,buscando dentro de min e da miña imaxinación. As composicións saíron de forma moi directa e natural, instintiva como empatando con algún lugar dentro de min mesmo. Foi marabilloso”, explica Gutier Álvarez.

Na elaboración da banda sonora buscaba a esencia de antigas sonoridades e a conexión coa paisaxe, tanto natural como cultural de San Xoán de Río, que se retrata no filme. “Tiña moi claro que ía intentar facer música moi paisaxística e descritiva, orgánica, que non houbera tampouco grandes discursos musicais, senón que o son acompañara a eses elementos que eu coñezo dende sempre: os montes, as fragas… E hai algún tema en concreto como é “A seca”, que compuxen hai moitísimos anos e que emula as miñas vivencias infantís de acompañar a herba seca, as seituras. Entón por unha banda estaba este tipo de substrato, pero tamén intentei buscar elementos moi identitarios de Río. Por exemplo, aparece a sonoridade do chifro do afiador, algúns cantos seitura e labranzas, que tamén viñan moi ben para dar unha visión arcaica e de antigüidade. E o demais son algunhas músicas que, dunha forma técnica, si que buscan eses elementos moi arcaicos”, matiza Gutier Álvarez.

 

O músico Gutier Álvarez, na presentación no OUFF do documental “A espada de Mouruás”./ Cedida.

 

E para lograr esa sonoridade tan especial botaba man da multitude de instrumentos que posúe. “En casa conto cun laboratorio bastante importante para poder crear estes sons. E para logralo tamén está ese proceso de ensaio erro. Ao final ía na procura de sonoridades que non resultaran sofisticadas en si, por exemplo, collía un rabel antigo para ver como quedaba ou, ás veces, no caso dun instrumento actual, como o violín, buscáballe outra forma de tocalo para buscar ese tipo de sonoridade”.

Na música de “A espada de Mouruás” hai instrumentos de corda, pero tamén de vento e percusión. “Non son un grande percusionista”, confesa Gutier Álvarez, “pero intentei tamén reflexalos pola súa forte compoñente telúrica e que te leva ao trance. Tamén hai frautas, queríamos moito aire, moito vento, había multitude de motivos visuais que nos levaban a iso, aos elementos naturais que percorren a xeografía do lugar e por iso incluímos esta clase de instrumentos”.

“A espada de Mouruás” é un documental que parte dun achado arqueolóxico local que, no fío da investigación que se conta no filme, acaba por converxer na historia da cultura europea. ¿Iso tamén pode suceder coas músicas tradicionais? “Teño reflexionado moito sobre isto e penso que sucede o mesmo que con este relato de transmisión oral, ao final un conto dunha aldea do concello de San Xoán de Río, unha espada espetada nunha pedra, hoxe segue sendo moi universal. E iso constitúe unha metáfora do que pode suceder coas músicas, canto máis buceas nas músicas patrimoniais, atopas elementos máis susceptibles de diferenciarnos dos demais, se ben, ao mesmo tempo, encontras unha gran universidalidade. Os estudosos da música patrimonial e antiga, a nivel europeo, téñeno moi claro, sempre fuxen do centro de Europa e van as esquinas e aí hai cousas marabillosas”, asegura este músico.

Para Gutier Álvarez esta primeira experiencia profesional no cine resultou “supersatisfactoria”, por iso engade, “non díria que non a volver experimentar isto, a porta non está pechada pola miña banda”.

 

O autor da BSO do documental coa súa directora, Lucía Álvarez, e con representantes do OUFF./ Cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button