A GudiñaConcellosÚltima horaViana do Bolo

I Xornadas pola Memoria, Xustiza e Reparación, os días 19 e 20 de agosto na Gudiña

Nelas homenaxearase a Xose Luís Bouzas, o mestre de Flariz, e a Anunciación Casado, A Pasionaria de Viana

 

A Asociación Cultural Os Torgueiros da Gudiña organizará as súas primeiras “Xornadas pola Memoria, Xustiza e Reparación”, nas que se homenaxeará a Xose Luís Bouzas, o mestre de Flariz asasinado na Poula do Martiño, en Pentes; e a Anunciación Casado, A Pasionaria de Viana, asasinada na curva das Revendeitas, que terán lugar o sábado 19 e domingo 20 de agosto na Casa da Viúva, na Gudiña. As xornadas comezarán o sábado 19 de agosto ás 18 horas da tarde na Casa da Viúva, con diversas conferencias.

Así os investigadores Dionísio Pereira e José Rodríguez Cruz abordarán as “Achegas sobre a primixenia guerrilla antifranquista na raia das Frieiras e Tras-Os-Montes”. Apuntan que “o fronteirizo e montesío territorio arraiano das Frieiras e do norte transmontano, posibilitou a aparición xa dende os inicios da Guerra Civil española dunha teimuda resistencia armada, que se mantivo ate despois da segunda Guerra Mundial e intercambiou retagardas durante anos cos grupos guerrilleiros refuxiados no territorio liberado de Casaio. Este intercambio entre territorios onde actuou o máis afouto da guerrilla astur-galaico-berciana-sanabresa, introducida por referentes locais como Eduardo Pérez Vega “Tameirón”, Francisco Rodríguez Arias “O Serio” ou Cándido Losada Estévez “Malvavisco”, tivo un lugar destacado no xerme da primeira formulación organizativa desta insurxencia: a Federación de Guerrillas de León-Galicia, a fins de 1941″.

De xeito paralelo á guerrilla, engaden, n”este territorio arraiano puidéronse artellar diversas redes de evasión, primeiro para as persoas perseguidas polo novo réxime franquista e despois para os guerrilleiros e as súas familias. Estas redes, que procuraban o embarque da xente fuxida no Porto burlando a estreita vixilancia que exercía a Ditadura de Salazar, foron alentadas por xente raiota que até agora pasou desapercibida para a historiografía e hoxe é merecedora da atención cidadá e recoñecemento cívico.”

O historiador Dionísio Pereira ten realizado múltiples publicacións relativas aos movementos sociais na Galicia contemporánea. Ten centrado o seu labor na represión en Galicia, “para nós particularmente importante, considerando imprescindible lectura dos seus traballos sobre a nosa zona, coma O Alzamento fascista na bisbarra das Frieiras: só viñeron a matar e roubar; Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005 ou o seu libro máis recente, con Eliseo Fernández, A primeira resistencia armada na Galiza (1936-1940), e que case esgotou exemplares aquí na Gudiña”, din dende a asociación.

José Rodríguez Cruz é un investigador e etnógrafo gudiñés. Nas súas recolleitas ten recadado información sobre toponimia, refráns, cantigas, crenzas, lendas, ditos e adiviñas, contos, así como sobre o Entroido e o traxe galego, desenvolvendo esta labor na súa comarca natal e na contorna do sueste da provincia de Ourense, Tras os Montes en Portugal e Sanabria na provincia de Zamora. Autor fundamental para coñecer a historia social e cultural nas terras das Frieiras.

Tamén intervirá nas xornadas Xosé Lois Santiago para presentar “Os derradeiros días da república na Gudiña”, onde fará unha crónica dos feitos históricos acontecidos na Gudiña dende o 17 o 24 de xullo de 1936. Xosé Lois Santiago Rodríguez, que actualmente coordina e investiga no proxecto; Exhumación de represaliados portugueses en Portocamba-Campobecerros (Castrelo do Val, Ourense), Fase I, é un documentalista formado na Escola Superior de Imaxe e Son da Coruña, Escola Superior de Cinema eAudiovisuais de Cataluña e Escola Internacional de Cine e Televisión de San Antonio de los Baños, Cuba.

 

 

Ademais estará o arqueólogo Xurxo Ayán, autor dun cento de artigos científicos en revistas e relatorios en congresos nacionais e internacionais, participando en diferentes proxectos. Colabora tamén con diversos medios. Tamén publicou en prestixiosas críticas como World Archeology, Journal of Contemporary Archaeology and Archeologies. Aparte da súa investigación, que se centra na Arqueoloxía da Arquitectura e a Etnoarqueoloxía, Ayán traballa en varios proxectos en prol da recuperación da memoria histórica, coma o proxecto Exhumación de represaliados portugueses en Portocamba-Campobecerros (Castrelo do Val, Ourense), Fase I, que achegará os resultados das investigacións sobre a represión en Campobecerros e Castrelo do Val.

A continuación, contra ás oito da tarde, terá lugar un evento de música ao vivo, coas actuacións dos pontevedreses Columna Vegana, e o Leo de Matamá, na terraza da Casa da Viúva.

As xornadas continuarán o domingo 20 ás 12:30 no cemiterio de Pentes (A Gudiña), onde terá lugar unha ofrenda floral e homenaxe ao mestre de Flariz, Xosé Luís Bouzas, asasinado na Poula do Martiño (Pentes, A Gudiña); as homenaxes continuarán no cemiterio do Castro (Viana do Bolo) onde se atopa o corpo de Anunciación Casado, asasinada nas Revendeitas, paraxe entre A Gudiña e Viana do Bolo. A xornada rematará cun xantar de confraternización .

 

Xosé Luis Bouzas, mestre de Flariz.

 

Coa organización destas xornadas a AC Os Torgueiros pretende “dar a coñecer a etapa máis escura da nosa historia. É de relevancia que, nos tempos que corren, se lle dea voz ás persoas que foron humilladas e asasinadas polo fascismo nesta comarca, unha comarca que foi das máis reprimidas na Galiza. Entender o que ocorreu e coñecer as vítimas e vitimarios é un exercicio de esencial aprendizaxe para a sociedade. Estas xornadas, en clave local, son unha homenaxe global a todas as persoas que deron a súa vida durante a Guerra Civil e a súa posterior represión”, aseguran dende esta entidade.

Fotografías cedidas pola AC Os Torgueiros.

Artigos relacionados

Back to top button