OurenseÚltima hora

Inaugúranse as pistas de adestramento para vehículos do Centro integral de loita contra o lume de Toén

teñen unha lonxitude de 1.421 metros na que se deseñaron diferentes obstáculos, unha zona de bancada, unha área de lavado e toda a iluminación correspondente por un investimento de case 900.000 euros

 

Ourense vaise converter nun “referente estatal na formación de profesionais” grazas á posta en marcha do Centro integral de loita contra o lume situado en Toén. Así o destacaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, referíndose á posta en marcha do Centro integral de loita contra o lume situado en Toén. Unhas instalacións promovidas pola Xunta de Galicia e que contarán co apoio da Deputación, que dentro da colaboración coa Consellería de Medio Rural se fará cargo do acondicionamento da estrada de acceso a este complexo.

Manuel Baltar, xunto ao conselleiro do Medio Rural, José González, visitou esta mañá o centro integral con motivo da inauguración das novas pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas, acto que incluíu a entrega de 13 vehículos ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios, catro dos cales teñen como destino a provincia ourensá.

Tamén estiveron presentes o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Toén, Ricardo González; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que foi director do antigo hospital psiquiátrico de Toén, transformado agora neste complexo para a formación na loita contra o lume. No acto, que contou coa presenza de veciños e traballadores do servizo de prevención e extinción de incendios, tamén interviu o bombeiro forestal Jorge García, xefe de brigada deste proxecto en Toén.

Manuel Baltar cualificou o centro como “un proxecto con visión estratéxica”, referendando a colaboración da Deputación “en todas aquelas iniciativas que melloren a provincia e sexan de interese xeral para Ourense”, citando como exemplo o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional. Así, apuntou, o goberno provincial contribuirá a acondicionar os accesos a estas instalacións, “como tamén o fixo no caso do novo complexo hospitalario”.

Tamén referiuse Manuel Baltar ao compromiso da Deputación na loita contra os incendios, subliñando que “non só poñemos á disposición da Xunta a nosa maquinaria nos labores de extinción, senón que tamén adquirimos tractores con rozadoiras para que os concellos podan facer traballos de prevención”.

Recoñecemento a Miguel Santalices, Valeriano Martínez e á veciñanza polo apoio ao proxecto

Precisamente sobre este aspecto falou José González, que destacou a colaboración entre a Xunta e a Deputación de Ourense á hora de traballar para anticiparse aos lumes. Citou así os convenios asinados recentemente entre a Consellería, o goberno provincial e 13 concellos para a dotación de maquinaria de prevención de incendios forestais. Un compromiso ao que o conselleiro chamou a unirse ao resto de deputacións provinciais, por consideralo prioritario de cara á xestión e protección do noso territorio.

José González tivo ademais palabras de recoñecemento para Miguel Santalices, que xunto a Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda no goberno de Feijoo e falecido hai dous anos, apostaron por este proxecto e conseguiron os fondos necesarios para a súa execución.

O presidente do Parlamento galego ampliou este recoñecemento á comunidade de montes veciñais de Moreiras e Trelle, que con 219 votos a favor de 222 acordou ceder para este proxecto os terreos do antigo hospital psiquiátrico de Toén, “unha escola de vida á que cheguei como director con 28 anos e onde os veciños sempre me fixeron sentir como na miña casa”.

Tamén Ricardo González puxo en valor o apoio da veciñanza “para darlle unha solución á ruína do antigo sanatorio”, trasladando ao conselleiro do Medio Rural o seu agradecemento “por ter a sensibilidade de recuperar estas instalacións”, así como a Manuel Baltar “por sumar o apoio dunha institución próxima e imprescindible para calquera dos proxectos que poñemos en marcha no concello e pechar o círculo da colaboración entre administracións”.

Pistas de adestramento, formación e investigación

A visita ao Centro integral de loita contra o lume de Toén serviu para inaugurar as pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas, que cunha lonxitude de máis de 1.400 metros e obstáculos para formar aos condutores, supuxeron un investimento de case 900.000 euros.

Pola súa banda, o Centro integral de loita contra o lume de Toén será un centro de referencia para a cooperación, a investigación e a formación continua en materia de incendios forestais, ao que poderán acudir bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios forestais. O investimento alcanza os 15 millóns de euros, incluíndo a rehabilitación dos edificios e a ordenación de toda a contorna do centro, para convertela nun modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal.

Ata agora a Consellería do Medio Rural investiu 3,5 millóns de euros para a adecuación da contorna, construción de viais e peche da parcela orixinal do complexo. O seguinte paso será a a rehabilitación do antigo edificio da lavandería para convertelo nun centro administrativo e de formación de brigadas forestais. O centro tamén contará cun aula medioambiental para formar e concienciar a estudantes de toda Galicia sobre o traballo dos profesionais contraincendios.

Motobombas para catro distritos forestais ourensáns

Manuel Baltar tamén participou na entrega de 13 novas motobombas ao Servizo de prevención e extinción de incendios, catro das cales irán a outros tantos distritos forestais da provincia de Ourense: Ribeiro-Arenteiro (XI), Miño-Arnoia (XII), Verín-Viana (XIV), e A Limia (XV).

Cun custo próximo aos 3,3 millóns de euros, financiados mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU, estes vehículos cargan 3.500 litros de auga e contan cun sistema de protección perimétrica con dous circuítos independentes. A entrega complétase con cursos teórico-prácticos destinados aos bombeiros forestais que conducirán as motobombas.

 

Artigos relacionados

Back to top button